Enrique Martínez Cubells
150 aniversario do seu nacemento .
Temática: Belas Artes
Esta proposta forma parte de: Acordanzas
O pintor de orixe valenciana Enrique Martínez Cubells pertencía a unha familia de artistas. O seu pai, Salvador Martínez Cubells, era pintor especializado en retratos, pintura de historia e de xénero, decorador e restaurador, de feito foi o primeiro restaurador do Museo do Prado. E tamén o seu avó, Francisco Martínez Yago, era pintor e restaurador. Enrique continuou coa tradición pictórica familiar. Recibiu formación académica e, como o seu pai, foi profesor na Escola Superior de Artes e Oficios de Madrid e posteriormente na Escola de Belas Artes de San Fernando. Tamén como o seu proxenitor, recibiu diversas condecoracións. Foi comendador da Orde Civil de Alfonso XII, da Real Orde de Isabel a Católica, da Orde de San Miguel de Baviera e mesmo actuou de comisionado español en exposicións internacionais. En 1929 foi nomeado membro da Real Academia de Belas Artes de San Fernando en Madrid.
Os seus cadros formaron parte de numerosas exposicións tanto nacionais como internacionais. Participou nas Exposicións Nacionais de Belas Artes, ás que concorreu en varias ocasións e nas que obtivo recoñecementos en diferentes categorías: unha medalla de terceira clase en 1897 pola obra Un accidente, unha segunda medalla por O viático na aldea, en 1899, outra segunda medalla por Inverno en Múnic, en 1901, e primeiras medallas en 1904 co cadro Traballo, descanso, familia e en 1912 con A volta da pesca. En canto ás mostras internacionais, podemos citar a Exposición Internacional de Múnic de 1909, na que gañou unha primeira medalla, as de Bos Aires de 1904 e de 1910, esta última propicioulle unha segunda medalla, e a Exposición Internacional de Amsterdam de 1912 na que conseguiu medalla de honra. En Río de Janeiro, Panamá e Montevideo tamén se exhibiron os seus traballos e en 1923 participou no Pavillón Español da Bienal de Venecia. Con todas estas mostras e galardóns, o pintor alcanzou un amplo recoñecemento internacional.
A finais do século XIX, Enrique Martínez Cubells iniciou unha serie de viaxes e estadías en países europeos que foron determinantes e provocaron a transformación da súa pintura. Viviu un tempo en Múnic e desde alí desprazouse a outros lugares de Alemaña e fixo percorridos por Francia, principalmente pola Bretaña francesa, Bélxica, Holanda, Italia e Inglaterra. Coñeceu a pintura contemporánea destes países e foi asimilando o uso da cor e da luz característico de cada lugar. En Múnic asistiu a clases de Heinrich von Züge, pintor impresionista especializado en escenas de animais no campo. En Holanda entrou en contacto con pintores da Escola da Haia, interesados pola paisaxe pero tamén por aspectos da vida campesiña e mariñeira.A experiencia europea fixo que Enrique Martínez Cubells orientase a súa obra cara ao xénero da paisaxe, en particular as mariñas, e a pintura realista de temática costumista, moi preocupada por plasmar a vida cotiá dos homes e mulleres do campo e do mar, pero afastada do pintoresquismo. A temática concreta da volta da pesca ocupou boa parte da súa produción e nas localidades costeiras do Cantábrico atopou gran parte dos protagonistas das súas composicións.
A súa obra está espallada en museos e coleccións particulares. O Museo do Prado conta con obras do pintor e garda moitas delas depositadas en outras institucións museísticas do estado: Museo de Belas Artes de Valencia, Museo de San Telmo de San Sebastián, Museo de Belas Artes de Málaga…
A Real Academia de Belas Artes de San Fernando de Madrid conserva a obra Retorno da pesca, ás veces titulada Pescadores do Cantábrico, que é un dos seus cadros emblemáticos.
O Museo Provincial de Lugo conta entre os seus fondos cunha obra de Enrique Martínez Cubells, un óleo sobre lenzo titulado Interior que forma parte das coleccións de pintura española contemporánea e se expón na SALA 23.
O cadro representa unha escena no interior dunha estancia na que se atopa unha muller sentada de costas ao espectador, ao parecer cosendo. Unha pintura de xénero, intimista, que recolle un momento de silencio e calma. O elemento esencial da composición é a fiestra situada na parede do fondo a través da que entra a luz do exterior que ilumina a estancia e cara a onde se dirixen as liñas de fuga da perspectiva potenciada polos trazos das táboas de madeira do chan.
O tratamento da luz é sen dúbida o aspecto máis interesante desta pintura e exemplifica moi ben os gustos do pintor polas variacións lumínicas, polo contraluz, por recrear ambientes nos que a luz propicia unha entoación sobria en grises e terras, próxima á de pintores nórdicos e centroeuropeos, e afastada da luminosidade característica da obra de Sorolla, que xa era entón pintor de éxito e referencia e de quen Martínez Cubells querería distanciarse.
A obra está asinada xunto ao bordo no ángulo inferior esquerdo “E.M-CUBELLS RUIZ”. O pintor utilizou unha das firmas coas que asinou as súas obras. As veces solía modificar o uso dos apelidos para non ser confundido co seu pai, de quen ao parecer sempre quixo diferenciarse artisticamente.
LY/Departamento de Belas Artes
Enlaces de interese
Tamén che pode interesar
O Museo Provincial de Lugo lembra ao pintor Tino Grandío cando se cumpren 100 anos do seu nacemento
Tino Grandío 100 anos do seu nacemento. Temática: Belas Artes