Francisco Domingo Marqués

100 anos da sua morte

Temática: Belas Artes

Esta proposta forma parte de: Acordanzas

Dentro da sección Acordanzas, que nace para, coa desculpa dunha efeméride, divulgar obras e autores senlleiros con obra representativa no Museo Provincial de Lugo, ofrecemos nesta ocasión un achegamento, realizado por Lucila Yáñez, á obra de Francisco Domingo Marqués cando se conmemora o centenario do falecemento deste artista valenciano. No Museo Provincial de Lugo consérvanse dous cadros de Francisco Domingo Marqués: “María Cristina de Habsburgo Lorena e Alfonso XIII neno” e “O Calvario”. Ambos forman parte da exposición permanente e exhíbense na sala 22, unha das dedicadas á Arte Contemporánea.

«As particulares condicións pictóricas do cadro “María Cristina de Habsburgo Lorena e Alfonso XIII neno“dificultan a súa interpretación. Precisa ser observado con moito detemento para poder acceder aos seus contidos.

Débense ter moi en conta as condicións de luminosidade desta pintura, o abocetamiento, a necesaria identificación das figuras e a curiosa composición. O pintor introduce elementos simbólicos e combina varios xéneros pictóricos (retrato, pintura de xénero, pintura de temática relixiosa) para construír un relato complexo nun lenzo de pequenas dimensións. Aos poucos, a medida que avanzamos no estudo da obra descubrimos que este cadro ten moitas facetas e é moito máis interesante do que en principio podía parecer.

Como resultado da detida observación deste pequeno óleo, podemos afirmar que o pintor reutilizou un lenzo que contiña unha pintura anterior, que en parte aflora na actual escena representada. As imaxes, apenas perceptibles a primeira vista e case ocultas polo fondo escuro do cadro, lévannos a pensar que a pintura subxacente sería unha natureza morta ou bodegón. En concreto sería unha caixa de peixe con varios exemplares de arenques ou sardiñas, especies que encaixarían pola forma e o ton dourado dos lombos e por tratarse de especies de consumo na época.

Ao reutilizar o lenzo xa pintado, o autor tentaría aproveitar intencionadamente liñas fundamentais da primeira pintura. A composición da escena da raíña e os seus fillos estaría condicionada por isto. Algúns elementos do cadro foron trazados sobre liñas da composición anterior.

O pintor, por experiencia, sabe da dificultade de cubrir plenamente trazos executados con óleo que xa están secos sen ter que empastar demasiado. Todo isto levaría a Francisco Domingo a investir a disposición do lenzo, de maneira que a primeira pintura sería horizontal e a actual vertical.

Como vemos, unha obra cun amplo percorrido e moi significativa para aproximarnos ao seu autor, porque nos axuda a coñecer a súa maneira de traballar, concibir e planificar os temas, mellor do que poderiamos supoñer antes de acceder a toda a información que encerra este cadro».

Lucila Yáñez / Departamento de Belas Artes

Enlaces de interese

Tamén che pode interesar

Comparte nas túas redes