Germán Taibo
100 anos do seu pasamento.
Temática: Belas Artes
Esta proposta forma parte de: Acordanzas
Germán Taibo (A Coruña, 27 de xaneiro de 1889 – París, 14 de febreiro de 1919) era un neno cando a súa familia emigra a Arxentina e se instala en Bos Aires. Moi pronto evidénciase o seu precoz talento para o debuxo. As súas aptitudes non pasan desapercibidas e sendo apenas adolescente recibe a axuda económica de María Jáuregui de Pradere, importante coleccionista arxentina grazas á cal se traslada a París para ampliar a súa formación artística e dedicarse á pintura.
En París ingresa na recoñecida academia Julien, frecuenta ambientes artísticos, visita museos, aproxímase ao impresionismo, roza o modernismo… e coñece á modelo Simone Mafleux, que posará para algúns dos seus cadros máis significativos (sirva de exemplo o exquisito e sensual espido de 1918 da colección do Concello da Coruña). Pintor e modelo casarán e terán unha filla.
A súa vida persoal e artística desenvólvese en Francia. Tan só en contadas ocasións viaxa a España.
Taibo visita A Coruña en 1908. Durante a súa estancia establece algunhas relacións no ámbito artístico que propician que envíe varias obras á Exposición Rexional de Arte celebrada nesta cidade en 1912. Durante este tempo permanece pintando na Costa Azul, ocupado en elaborar a súa obra Pastoral coa que obterá a medalla de prata do Salón dos Campos Elíseos de París do ano seguinte.
En 1916 ten lugar a súa exitosa exposición, tanto de críticas como de vendas, no Hotel Palace de Madrid. Pouco despois enviaría dúas obras á Exposición Rexional da Coruña de 1917, pero ao parecer os cadros non conseguen pasar a fronteira a tempo e non son expostos.
En 1918 Taibo abandona París acompañado pola súa muller e a súa filla. Foxen da gripe que arrasa Francia tras a I Guerra Mundial e realiza o que será a súa última viaxe á súa cidade natal. Durante esta estancia pinta varios cadros da Coruña e arredores: A fonte, Souto de Elviña… Transcorridos uns meses regresan a París onde ao pouco tempo Germán contrae a gripe e falece apenas cumpridos os 30 anos.
Tras a morte do pintor, Antonio Taibo, o seu pai, e Simone, a súa viúva, ocúpanse de elaborar o inventario das obras no domicilio familiar de París e organizan o seu traslado para formar parte da Exposición de Arte Galega de Bos Aires de 1919.
Germán Taibo faleceu cando apenas comezaba a ser recoñecido e considerado en Galicia. A súa obra avanzou desde o impresionismo cara ao modernismo, afastada do panorama artístico galego do momento, esencialmente tradicional e costumista. A súa pintura está dedicada sobre todo á paisaxe e a figura, con especial relevancia dos seus espidos.
O Museo Provincial conserva dúas obras de Germán Taibo, dous cadros de pequeno formato que se expoñen na SALA 12 da Sección de ARTE GALEGA.
A pesar de considerar que se trata de dous estudos ou apuntamentos, a súa contemplación permítennos aproximarnos a características moi significativas da súa pintura: a súa entoada gama de cores pardas, ocres, verdes…, a soltura da súa pincelada curta coa que vai debuxando, a preocupación polos efectos da luz e as súas vibracións, as súas coidadas e equilibradas composicións…
Obras de Germán Taibo na sala 12 do Museo Provincial de Lugo
Moza sentada
Óleo sobre lenzo
16’2 x 22’3 cm
Doazón do Centro Lucense de Bos Aires realizada en 1959
A obra titulada Moza sentada amosa no seu reverso un texto manuscrito no que pode lerse claramente:
Habiendo sorprendido la muerte a mi hijo
Germán en Paris el 14 de Febrero de
1919 y no habiendo firmado la presente su
padre Antonio Taibo Perez garantiza la
presente que es hecha por él, y para que
conste la firma en Paris a 2 de Marzo
de 1919
Antonio Taibo Perez (debaixo do nome a rúbrica)
Reverso do cadro Moza sentada
O texto está escrito directamente sobre o cartón/traseira da obra e sobre parte dunha etiqueta adherida ao devandito cartón. Ademais, apréciase un selo de tinta, relacionado coa estancia da obra en Bos Aires, e unha inscrición realizada con posterioridade que faría referencia a que o cadro recibiu algún tratamento de restauración: Restaurado Marzo 1939
Grazas a esta información sabemos que esta pintura formou parte do inventario realizado en París tras a morte do pintor e que ademais foi autentificada polo seu pai. Sabemos tamén, grazas á etiqueta adherida ao cartón, que o soporte da pintura procede de HARDY-ALAN, fábrica de teas, marcos e materiais para artistas de ampla e recoñecida tradición en París.
Día gris
Óleo sobre lenzo
19’5 x 25’5 cm
Doazón do Centro Lucense de Bos Aires realizada en 1959
Apuntamento de paisaxe que mostra unha panorámica tomada desde un punto de vista elevado. Probablemente sexa unha paisaxe galega, de montes redondeados, ría, minifundios e pequenos núcleos de poboación con casas de cuberta de tella. Podería estar localizado na contorna da Coruña e podemos supoñer que foi pintado durante a estancia de Taibo en terras galegas.
L/Y Departamento de Belas Artes
Enlaces de interese
Tamén che pode interesar
Acordanzas: 25 anos da morte de Manuel Colmeiro Guimaraes
Manuel Colmeiro Guimaraes 25 anos da morte Temática: Belas Artes