Gloria Fernández
25 anos do seu pasamento.
Temática: Belas Artes
Esta proposta forma parte de: Acordanzas
O Museo Provincial conta con obras da pintora monfortina Gloria Fernández desde 1959, cando ela mesma doou á institución o cadro Lilas. Posteriormente, en 1963, o museo adquiriu o titulado Lola. Pero será en 2009 cando a colección se incrementa considerablemente, grazas á entrega de cadros feita por un sobriño da pintora, o recoñecido artista Roberto González Fernández, a maioría cedidos en doazón e o resto en depósito. A colección actual está formada por 24 pinturas que forman unha mostra moi significativa da traxectoria desta autora, porque abarcan todas as etapas e as diversas temáticas e permiten apreciar a súa evolución artística e, en consecuencia, poder valorala.
É probable que a inesperada morte dun sobriño aos poucos meses de nacer e a melancolía por non ver cumprido o seu desexo de ser nai levasen a Gloria a pintar. Disto deixou constancia o que foi o seu esposo, o avogado e escritor Gumersindo Pérez Álvarez. A necesidade de pintar xurdiría dun determinado estado de ánimo. Gloria Fernández comezou a pintar cara a 1945. Ata entón tan só se dedicou ocasionalmente ao debuxo. Unha muller inqueda, activa e culta que inicialmente se formou na música, lembremos que tiña o título de profesora de piano, atopou na pintura a maneira de expresarse con plenitude.
Desde os anos 50 Gloria alterna a súa vida entre Monforte e Madrid e dalgunha maneira combina as posibilidades que cada un destes lugares lle proporcionan. Por unha banda a tranquilidade da vida en provincias, coa súa familia e as súas amizades de sempre, algunhas delas vinculadas á arte ou a literatura, con quen comparte inquedanzas creativas e culturais. E por outra a intensa e múltiple actividade da capital, onde establece boas relacións con significadas personalidades do ámbito da arte e a intelectualidade da época. En Madrid, ademais, asiste ao taller de Manuel Gutiérrez Navas, pintor sevillano discípulo de Cecilio Plá, reputado retratista, escritor e crítico de arte que sen dúbida influíu na continuada dedicación de Gloria ao retrato. A alumna mesmo retratou ao profesor. É un dos cadros depositados no museo, unha acertada representación con interesantes calidades pictóricas.
Na década dos 60 Gloria dedícase con entusiasmo á pintura. Numerosas exposicións individuais e colectivas tanto en Galicia como en Madrid dan conta do seu traballo. Pinta do natural. Desenvolve temas sinxelos, obvios, próximos e cotiáns. A paisaxe, o bodegón, as flores, en particular os vasos e xerras con flores, pero tamén o retrato. O tema é o pretexto para gozar coa materia e o procedemento pictórico. Porque, como ben considera Roberto González da súa tía, “sen dúbida tiña unha gran intuición para a pintura”.
A medida que Gloria Fernández avanza na súa traxectoria artística, as cautelas iniciais desvanécense e a súa pintura libérase do debuxo e da esixencia dos modelos do natural que eran referencia para as súas composicións. Isto permítelle recrearse en obras de pincelada máis empastada, nas que prevalecen os valores matéricos e tonales que nos mostran a unha pintora que, máis que pintar dun modo convencional, agora interpreta. As paisaxes e as mariñas pasan a ser os temas principais nesta etapa. As flores e o retrato mantéñense. En moitas ocasións o uso da espátula gaña terreo ao dos pinceis. A espátula favorece o depósito abundante de materia pictórica e a autora sente comodidade con ese procedemento. A pegada plana do instrumento é moi evidente en moitas obras e a mestura da cor prodúcese con frecuencia sobre a propia superficie do cadro. Pero aos poucos a artista consegue recuperar o xesto do pincel, equilibrar a súa técnica e obter resultados máis interesantes.
En canto ao uso da cor, as preferencias tonales maniféstanse en plenitude. Predominan os ocres, terras, verdes e alaranxados e domina, en consecuencia, a entoación cálida. A paisaxe castelá é un tema recurrente que se acomoda ben a sensibilidade da pintora. Nas súas últimas obras mantén a intencionada textura e a rugosidade que deriva cara a abstraccións da paisaxe e que demostran a madurez do seu traballo.
Nos anos 80 Gloria Fernández centra a súa actividade na docencia a través das concorridas clases de pintura que imparte no Casino de Monforte e convértese en referente para un alumnado variado e numeroso.
Entre as 24 obras que forman a actual colección do Museo Provincial está a considerada a súa primeira pintura, unha peza anecdótica, o pequeno cadro de 1945 que representa unha paisaxe con muíño de tipoloxía propia dos Países Baixos e que ao parecer copiaría da lámina dun calendario. Gloria preocupouse de colocar data e rúbrica ben visibles. Toda unha declaración de intencións de quen neses momentos disponse a penetrar no terreo da pintura.
Tras a morte da pintora celebráronse dúas exposicións coas súas obras. En 2001 Gloria F. para o recordo, no Centro Comarcal do Val de Lemos, en Monforte, e en 2008 unha ampla retrospectiva, precisamente no Museo Provincial de Lugo.
LY/Departamento de Belas Artes
Enlaces de interese
Tamén che pode interesar
Acordanzas: 25 anos da morte de Manuel Colmeiro Guimaraes
Manuel Colmeiro Guimaraes 25 anos da morte Temática: Belas Artes