Julio Antonio Fernández Argüelles
Centenario do nacemento
Temática: Belas Artes
Esta proposta forma parte de: Acordanzas
O día 2 de maio cómprense 100 anos do nacemento de Julio Antonio Fernández Argüelles (Astorga, León 2 de maio de 1923 – A Coruña 8 de abril de 2002). Pintor, escultor e gravador natural de Astorga, pero asentado desde 1951 na Coruña, onde levou a cabo unha intensa actividade pictórica e mantivo unha significada presenza no ámbito institucional. Faleceu nesta cidade o 8 de abril de 2002.
Fillo de pai coruñés e nai asturiana, pasou parte da súa mocidade en León, onde se iniciou na pintura apenas adolescente e nesta cidade realizou a súa primeira exposición. Orientou os seus estudos cara ao mar. Cursou Náutica en Madrid e Barcelona e durante uns 20 anos foi mariño mercante, aínda que mantivo no posible un tempo para a pintura. En 1951 casou coa coruñesa María Branca Lobato e instaláronse na Coruña, onde formaron unha familia numerosa. Dez anos despois Julio optou por deixar de navegar e preparar oposicións. Obtivo a primeira praza para a cátedra da Escola Náutica, onde máis tarde vai ocupar o cargo de director.
En 1976 é nomeado académico numerario da Real Academia Galega de Belas Artes e en 1988 designado por unanimidade presidente da mesma, sendo o oitavo en ocupar o cargo. Durante o seu mandato promovéronse en 1990 as candidaturas da Muralla de Lugo e a Torre de Hércules a Patrimonio da Humanidade e creouse o Salón de Outono de pintura, un certame bianual que concedía importantes premios en metálico.
Foi un pintor incansable ao longo de toda a súa vida, tanto na súa etapa de navegante como na de docente e particularmente tras a súa xubilación, e mantivo esa paixón pola arte en paralelo aos seus compromisos institucionais.
Como pintor cultivou todos os temas e xéneros. Pintou en abundancia figura, a miúdo relacionada con temas relixiosos, nus e sobre todo retratos, paisaxe, con especial dedicación ás mariñas, bodegón… Polo tratamento que daba ás súas obras, o propio artista considerou nalgunha ocasión que a súa pintura era expresionista e certamente dramática.
Mariña. Acrílico/táblex. 89,9 x 122 cm
Fernández Argüelles está representado nas coleccións do Museo Provincial cun cadro. Trátase dunha paisaxe titulada Mariña que representa unha vista ben recoñecible de Betanzos. Nun primeiro plano o río Mandeo con algunhas embarcacións, sobre o río a chamada ponte vella e tras desta a vista das casas abigarradas e escalonadas, dispostas no desnivel, propias desta poboación.
Esta obra proporciónanos un bo exemplo do característico uso da materia e a cor na pintura de Fernández Argüelles. Evidencia a utilización da espátula para depositar e estender a pintura, para trazar liñas do debuxo e favorecer as mesturas de cor sobre a propia superficie pictórica. Tamén o predominio de tons ocres, alaranxados e cobrizos moi do seu gusto.
Enlaces de interese
Tamén che pode interesar
Acordanzas: Xosé Vizoso
Xosé Vizoso Día da Ilustración 2025 Temática: Belas Artes