Julio Prieto Nespereira

125 aniversario do nacemento

Fotografía de Julio Prieto Nespereira

Temática: Belas Artes

Esta proposta forma parte de: Acordanzas

Neste mes de decembro de 2022 queremos lembrar ao artista Julio Prieto Nespereira nos 125 anos do seu nacemento, poñendo en valor a colección de obras  expostas  na sala 25 do Museo Provincial de Lugo.

Julio Prieto Nespereira (Ourense, 1896- Pontedeume, 1991) destacou sobre todo na súa faceta de  gravador, pero tamén cultivou a pintura e a escultura.

Prancha de zinc

Prancha de cinc. Gravado á augaforte (1947). Depósito de Ángel Patricio Argibay

Durante a súa carreira, participou en varias Exposicións Nacionais de Belas Artes sendo galardoado ca  terceira medalla  en  1926, a  segunda en 1930 e  a primeira  en 1932.

En 1936, recibiu a  Medalla de Ouro do Círculo de Bellas Artes de Madrid;  no ano 1967, a  Medalla de Honor da  Agrupación Española de Artistas Grabadores e en 1974, a Medalla de Oro al Mérito de las Bellas Artes.

Realizou  un gran número de exposicións en diferentes cidades de España e tamén en outros países como Portugal, Noruega, Uruguai, Marrocos, Bélxica e  Brasil  entre outros lugares. Á súa morte créase a Bienal Internacional de Gravado de Ourense que leva o seu nome.

A través dos  gravados  que se exhiben na sala monográfica, doados por J. Prieto Nespereira  nos anos oitenta do século pasado,  froito dun compromiso coa Deputación de Lugo, podemos facer un percorrido pola traxectoria  do artista, dende as primeiras obras figurativas de paisaxes, monumentos e personaxes populares ata as formas mais sintéticas de influencia cubista das  “series de peixes e bodegóns”.

Prancha de cinc. Gravado á augaforte (ca. 1950). Depósito de Ángel Patricio Argibay

Prancha de cinc. Gravado á augaforte (ca. 1950). Depósito de Ángel Patricio Argibay

Neste ano, ás  26 estampas e unha escultura que  formaban a colección do Museo Provincial de Lugo, sumáronse   nove pranchas de gravados, dúas doadas e sete depositadas, que veñen completar o discurso expositivo da sala dedicada ao artista que hoxe lembramos.

Tamén che pode interesar

Comparte nas túas redes