Modesto Urgell

No centenario da sua morte.

Temática: Belas Artes

Esta proposta forma parte de: Acordanzas

Este ano cúmprense 100 anos da morte do pintor Modesto Urgell e Inglada (Barcelona 1839-1919) e o Museo Provincial de Lugo quere sumarse a esta efeméride amosando a obra A volta do enterro, depósito do Museo Nacional do Prado, exposta actualmente na sala número 22 da nosa institución.

Modesto Urgell destacou como paisaxista e escritor. Formouse como pintor na Escola de Belas Artes de Barcelona viaxando con frecuencia a París, onde compartiu tempo co seu amigo o pintor Gustave Courbet.
Participou en numerosos certames e exposicións como nas nacionais de Belas Artes, a universal de París e as internacionais de Bruxelas, Múnic, Berlín, Chicago e Filadelfia.

A obra que hoxe amosamos foi coñecida tamén co título O viático e representa un dos temas favoritos do pintor. Trátase dunha obra de temática costumista que nos relata un aspecto da vida cotiá do século XIX.

No medio dunha paisaxe chaira e xeada, tres pequenas figuras, un sacerdote diante e dous acólitos detrás, camiñan solitarias baixo as inclemencias dun forte vento.

Todo nesta obra está ao servizo da tristura e a melancolía, a soidade queda patente pola colocación dos personaxes que se concentran na metade dereita do lenzo e que se reforza co emprego dunha paleta de cores frías a base de grises, brancos e azulados.

Estamos ante una obra con influencias románticas e simbolistas, realizada con pincelada curta, áxil e solta, na que podemos ver a superposición das capas de cor.

A volta do enterro
Modesto Urgell e Inglada (Barcelona 1839-1919
Óleo sobre lenzo
38 x 70 cm
Depósito do Museo Nacional do Prado
Procede do Museo Nacional de Arte Moderna
Depositado no Museo Provincial de Lugo por Orde Ministerial do 7 de febreiro de1933.

Tamén che pode interesar

Comparte nas túas redes