Programación para o DIM
Museos pola educación e a investigación
O próximo Día Internacional dos Museos, a celebrar o vindeiro 18 de maio de 2024, terá como fío condutor o lema: “Museos pola educación e a investigación”. Tal e como indica ICOM neste 2024, enfocámonos en:
“…Obxectivo 4: Educación de calidade – Garantir unha educación de calidade inclusiva e equitativa e promover oportunidades de aprendizaxe permanente para todas e todos.
Obxectivo 9: Industria, innovación e infraestrutura – Construír infraestruturas resilientes, promover a industrialización inclusiva e sostible e fomentar a innovación.
Mentres os museos se preparan para atraer ao público a través dunha infinidade de actividades, o Día Internacional dos Museos 2024 promete ser unha celebración enriquecedora e esclarecedora.
Para o DIM 2024 queremos convidar ás persoas a repensar a educación e imaxinar un futuro no que o intercambio de coñecementos transcenda as barreiras, no que a innovación se una á tradición. Unídevos a nós para explorar a riqueza de coñecementos que ofrecen os museos e, xuntos, construír un mundo máis informado e inclusivo…”
Arredor desta efeméride, entidades museísticas de todo o mundo realizarán actividades que visibilicen o papel fundamental dos museos nestas dimensións. Trátase polo tanto dunha oportunidade, a través desta axenda internacional compartida, de mostrar o potencial dos museos para activar cambios positivos na sociedade. No caso das organizacións que xa levan tempo apostando pola museoloxía social, como é o caso da Rede Museística, será un momento especial tamén para compartir experiencias, reflexionar sobre como mellorar e poñer en valor os resultados acadados.
O 24 de agosto de 2022, a Asemblea Xeral Extraordinaria do Consello Internacional de Museos (ICOM) aprobou en Praga a adopción dunha nova definición de museo:
“Un museo é unha institución sen ánimo de lucro, permanente e ao servizo da sociedade, que investiga, recolle, conserva, interpreta e exhibe o patrimonio material e inmaterial. Abertos ao público, accesibles e inclusivos, os museos promoven a diversidade e a sostibilidade. Coa participación das comunidades, os museos operan e comunícanse de forma ética e profesional, ofrecendo experiencias variadas para a educación, o goce, a reflexión e o intercambio de coñecementos”.
Vemos como a dimensión educadora dos museos forma parte esencial da súa función social, sendo ao mesmo tempo un dos eixos máis actuais de debate e reflexión profesional. Unha educación de calidade constitúe un dos principais obxectivos (ODS 4) da Axenda 2030 de Desenvolvemento Sostible de Nacións Unidas.
A Rede Museística vén apostando por desenvolver un labor moi activo neste eido a través de accións diversas para promover a xeración e transmisión de coñecemento á sociedade. Faino a través dunha relación continua de colaboración coa comunidade educativa dos centros, en todos os niveis da educación formal, desde a infantil á universitaria. Pero tamén a través da divulgación e accións didácticas directas que constitúen a chamada educación non formal e informal, imprescindibles para garantir oportunidades de educación e aprendizaxe ao longo de toda a vida.
A RMPL busca, polo tanto, acadar un impacto educativo coa comunidade local, cos seus programas escolares e outras iniciativas anuais. Ademais de apostar por tecer rede con profesionais da educación formal, investigadoras, divulgadoras, artistas e outros museos de todo o mundo.
Investigación educativa
No proceso de formación, reflexión e mellora continua que guía á RMPL e á súa equipa, este 2024 preténdese abordar como mellorar e innovar na función educativa dos museos desde a investigación dentro do ámbito da propia educación.
Para facelo, a RMPL aposta de novo por servir como espazo de acollida para redes e encontros de reflexión profesional, que ao mesmo tempo nos permiten mellorar internamente. Neste sentido, resultaron moi positivas iniciativas como as Xornadas DEAC, ou máis recentemente as formacións sobre transformación dixital ou prácticas avaliadoras de impacto social, as cales se abriron en liña á comunidade museolóxica galega e iberoamericana. As 700 persoas inscritas de 35 nacionalidades permitiron xerar unha comunidade de aprendizaxe diversa, coa que compartir experiencias, reflexionar sobre a investigación educativa e como mellorar e poñer en valor dito traballo e función na RMPL.
Así, neste ano e no ámbito da relación coas entidades e profesionais da educación, os catro museos da RMPL acollerán presencialmente en xullo unhas Xornadas Internacionais que refrendarán o seu papel referencial neste eido. Suporán tamén unha oportunidade formativa para o equipo da RMPL, especialmente no foco dese proxecto concreto, que é a conexión entre xestoras de museos e o ámbito educativo formal (secundaria e universitaria).
Previamente tamén se celebrará unha nova edición das Xornadas Pedagóxicas. Esta xa tradicional cita presencial anual permite reforzar os vínculos dos museos da Rede Museística coa comunidade educativa dos centros da provincia de Lugo, ofrecéndolles un plan de formación específico para o profesorado, con especial atención a quen traballa no contexto rural.
Outras iniciativas como as xornadas pacegas, as residencias artísticas en escolas ou o desenvolvemento de caixas de aprendizaxe, entre outras, incidirán durante 2024 nesta función dos museos.
Ademais de propostas presenciais como as sinaladas, a Rede Museística leva construíndo nos últimos anos unha comunidade virtual de aprendizaxe con máis de 700 profesionais do ámbito iberoamericano. Para completar a reflexión formativa sobre a dimensión investigadora educativa dentro das liñas da museoloxía social detéctase a necesidade de desenvolver unha acción específica, coa que poder continuar intercambiando experiencias inspiradoras con esta ampla rede internacional.