Raimundo de Madrazo e Garreta
175 anos do seu nacemento.
Temática: Belas Artes
Esta proposta forma parte de: Acordanzas
Aproveitando a circunstancia de cumprírense este 24 de xullo o 175 aniversario do nacemento do pintor Raimundo de Madrazo e Garreta (Roma, 24 de xullo de 1841 – Versalles, Francia, 1920), o Museo Provincial de Lugo quere sumarse a esta celebración lembrando a todas as persoas interesadas que, na SALA 21 deste museo, pode contemplarse unha representativa obra deste autor. Trátase dun óleo sobre lenzo, de 116 x 89 cm, titulado Retrato de señora e que foi pintado en Nova York no ano 1899.
O cadro está asinado e datado no ángulo inferior dereito, “R. Madrazo / New York-99”, mentres que no ángulo inferior esquerdo aparecen as siglas “MAM”, que fan referencia ao extinto Museo de Arte Moderna de Madrid, institución á que pertenceu esta pintura.
O cadro foi doado ao MAM polo escultor modernista catalán e académico de Belas Artes Miguel Blay, quen o fixo en nome de Federico Carlos de Madrazo e Ochoa, o fillo único de Raimundo. A doazón foi aceptada o 24 de abril de 1921. Posteriormente, o cadro depositouse no Museo Provincial de Lugo, por Orde Ministerial do 7 de febreiro de 1933. Actualmente, forma parte das coleccións de pintura do Museo do Prado e permanece depositado no Museo Provincial.
Raimundo Madrazo e Garreta foi membro dunha importante familia de pintores. Era neto de José de Madrazo, fillo de Federico de Madrazo, sobriño de Luís, irmán de Ricardo e ademais cuñado de Mariano Fortuny. Deles recibiu ensinos e influencias e con eles compartiu inquietudes artísticas.
Aínda que cultivou o xénero costumista, Raimundo destacou especialmente polos seus retratos, sobre todo os protagonizados por mulleres. Viaxeiro e cosmopolita, coas súas obras cativou a alta sociedade dos lugares aos que se desprazou e onde residiu (París, Nova York, Roma, Londres, A Arxentina…) Viviu en Nova York entre os anos 1897 e 1911. Nesta cidade mantívose dedicado, case en exclusiva, ao retrato de encarga e recibiu peticións dalgunhas das familias máis influentes da época.
Tamén che pode interesar
Acordanzas: 25 anos da morte de Manuel Colmeiro Guimaraes
Manuel Colmeiro Guimaraes 25 anos da morte Temática: Belas Artes