Sala 14 do Museo Provincial de Lugo
Maruja Mallo, Castelao e Colmeiro. Vangardas e exilio.
Temática: Belas Artes
Onde se desenvolve: Museo Provincial de Lugo
Cando: Dende o 06/11/2023
Formato: Presencial
A partir do 6 de novembro de 2023 está dispoñible para os visitantes deste museo unha nova remodelación da sala 14 que agora estará dedicada a Maruja Mallo, Colmeiro e Castelao cun total de 12 obras.
Os museos como entidades vivas e dinámicas teñen que renovar a súa exposición estable para ofrecer novos fondos e narrativas en función dos seus bens culturais e coleccións. Neste caso trala apertura da sala monográfica dedicada a Tino Grandío, fixemos tamén unha revisión da sección de arte galega dedicada ás vangardas históricas e a posguerra, vixente desde o ano 2008, para incorporar e relacionar xuntas a tres figuras artísticas fundamentais na historia da arte galega, determinantes na asimilación das vangardas europeas desde distintas linguaxes creativas co nexo común do seu posterior exilio trala Guerra Civil española.
Na sala 14 a partir de agora poderase ver como novidades expositivas:
-unha obra de Maruja Mallo realizada cando era pensionada da Deputación de Lugo (entre 1926-1929), con esta nova incorporación amosamos na exposición estable todas as obras desta artista lucense conservadas no MPL, e
-dúas pinturas de Colmeiro: Maternidade (1934) e Vista da Muralla de Lugo (s/d), que tampouco estaban expostas anteriormente.
Así mesmo, este espazo complétase con dous óleos de Castelao: Paisaxe con castiñeiros e Asno e gaivotas, porque o resto da súa obra está na sala monográfica de debuxo e gravado galego (nº 25).
-
Finalmente, dúas obras de Maruja Mallo, datadas entre os anos 1926-1929, serán prestadas para unha exposición temporal no Museo Nacional de Artes Decorativas titulada “Al biés. Las artistas y el diseño en la vanguardia española” que se inaugurará o vindeiro 20 de novembro en Madrid.
Tamén che pode interesar
Mariquiñas e Cuquitas pola diversidade
Mariquiñas e Cuquitas pola diversidade Coñecendo o pasado, creando conexións: As nosas Mariquiñas e Cuquitas