Ver e Tocar

escultoras no Museo Tiflológico

Baby Silver, peza en aluminio realizada por Kay Woo para a exposición ver e tocar

Onde se desenvolve: Museo Provincial de Lugo

Cando: Dende o 3/05/2024
ao 30/09/2024

Formato: Presencial

A exposición Ver e Tocar: escultoras no Museo Tiflológico ten como obxectivo dar a coñecer a colección de escultura do Museo Tifológico, permitindo ao público descubrir as obras dunha maneira nova, a través do tacto. Presentamos unha selección de obras de destacadas escultoras contemporáneas, ofrecendo así unha experiencia dobre e nova para todos os visitantes, incluíndo aqueles que non teñen discapacidade visual grave.

Con esta exposición, a ONCE pretende dar visibilidade ao seu Museo Tiflológico noutros lugares de España, e permitir a todo tipo de públicos a experiencia de tocar as pezas e acceder a elas a través do tacto, como o fan as persoas cegas.

Ana Hernando (Madrid, 1969)

Ana Hernando é Licenciada en Belas Artes pola UCM, coa especialidade de escultura, en 1993. En 1988 realizou a súa primeira exposición individual e no 2023 celebrou con outra os seus 35 anos de traxectoria. Membro da FIDEM, é unha artista relevante na medalla española actual, con premios internacionais. En 1999 foi inaugurada a súa primeira obra pública e, no 2023, a más recente, Somos abrazo. Con máis de 25 exposicións individuais e 60 colectivas, conta con 15 obras públicas, continúa a traballar no seu estudio na súa obra persoal e de encarga, desenvolvendo tamén proxectos artísticos interdisciplinares como “Somos Abrazo. Art & Dance”. Nos anos 2022 e 2023 foi candidata ás Top 100 Mulleres Líderes en España pola súa traxectoria. A través da su web, blog e redes sociais comparte o seu lema “Arte para vivir”, que dá sentido á súa vocación. (anahernando.com / @anahernandoarte)

Mercedes Rodríguez Elvira (Santander, Cantabria, 1950)

Licénciase na Facultade de Belas Artes da Universidade Complutense de Madrid na carreira de Belas Artes. Desde 1972 até á actualidade realiza exposicións colectivas e individuais en España, Italia, Francia, EEUU e na Arxentina. Obtén o primeiro premio categoría Medallas na II Bienal de Artes Plásticas e do Deporte de Guadalaxara, o ano 1987. Bolseira de Artes Plásticas pola Consellería de Cultura de Cantabria en Chicago, EEUU, no ano 2003. Ten obra no Museo Provincial de Guadalaxara, no Museo de Electrografía de Cuenca, en distintas institucións oficiais de Cantabria e Castela e León, e en coleccións privadas en España, EEUU, Reino Unido e Colombia. Conta con obra pública e monumental en diferentes localidades de Cantabria e en Chicago, EEUU.

Sara Giménez (Torrubia, Soria, 1958)

É doutora en Belas Artes pola Universidade Politécnica de Valencia e perita ceramista pola Escola de Cerámica de Manises (Valencia). Ten celebrado un bo número de exposicións individuais, como as do Museo Numantino, a do Parador Antonio Machado, en Soria, a da Capela Oidor, en Alcalá de Henares (2017), a da Galería Éboli, en Madrid, e a da Galería Rafael, en Valladolid (2019). Outras exposiciones puidéronse ver no Museo de América e en Amberes (Bélxica). Recibiu varios galardóns pola súa traxectoria artística. Salientan os de Biscaia, Parla e Guipúscoa.

Alicia Rubio García (Madrid, 1968)

Cursou estudos na Escola de Artes Aplicadas e Oficios Artísticos de Madrid e durante máis de 30 anos, de forma autodidacta, foi aprendendo e perfeccionando diferentes técnicas de debuxo e pintura. Nese proceso de aprendizaxe cursou talleres de Gravado da man de José Fuentes, gravador de fama internacional e Catedrático de Debuxo e Gravado na Universidade de Salamanca. Aínda que o verdadeiro cambio da súa traxectoria artística tivo lugar no 2013, ao incorporarse no obradoiro de escultura de Sonia Cabellos, Doutora en Belas Artes e profesora da Facultade de Belas Artes da UCM, quien é a súa guía nesta nova paixón pola escultura, descubrindo unha nova etapa artística mediante a expresión tridimensional. Ten realizado múltiples exposicións colectivas e individuais ao longo de todo o territorio do estado. No 2022 foille concedido o 1º premio na convocatoria de premios de escultura “Villa de Azuqueca”.

Gema Labayen (Ituren, Navarra, 1964)

Licenciada en Belas Artes no ano 2000, especialízase en escultura na Universidade de Sevilla, tras ter cursado parte dos seus estudos na Universidade de Salamanca. Agora ben, o seu achegamento ao mundo da plástica comeza uns anos antes na Escola Superior de Artes e Oficios de Pamplona, onde compaxina os estudos de debuxo coa súa actividade laboral na avogacía, carreira que abandonará definitivamente para dedicarse por completo á escultura.
No é até unha década máis tarde cando inicia a súa traxectoria expositiva en diferentes centros culturais e galerías, na que emprega, case de forma exclusiva, a pedra como soporte. Este material permítelle desenvolver un traballo físico e directo, ao tempo que investiga sobre a forma e o espazo.
O desenvolvemento da súa actividade, con material recuperado da contorna natural, prescindindo dos soportes industriais, xunto cun ideario directamente ligado á natureza, lévaa a colaborar en eventos relacionados co sostemento do medio ambiente: a V Bienal Valle de Los Sueños, o Festival Internacional Recuore ou o IV Concurso Internacional de Escultura Escombrarte.
Froito deste traballo son diferentes exposicións individuais e colectivas en distintas rexións como Cantabria, Navarra, Asturias, Castela e León, Barcelona, Málaga ou Madrid.

Francisca Llabrés (Palma de Mallorca, Islas Baleares, 1955)

Vive dende sempre en Establiments, onde posúe a súa residencia e o seu taller. A súa obra demostra de que maneira é capaz de extraer da dureza das pedras as formas máis sutís e tenras. Elabora obras máis comprometidas que protestan ante fenómenos sociais como o maltrato, a perda de liberdade ou o terrorismo. Inda que pintou o seus primeiros cadros aos 15 anos, séntese máis escultora ca pintora. Esculpir permite crear tocando e acariciando as obras. Asegura que as pedras falan. Só hai que saber escoitalas, o que se acada logo de aprender a miralas. Abriu a Galería Art Mallorca en Palma, que dirixiu durante dez ano ata a súa xubilación, se ben segue a traballar a escultura.
Levou as súas obras a multitude de exposicións dentro e fóra de Mallorca. Algunhas das súas creacións consérvanse en lugares como o Museo Militar de San Carlos, o Museo Episcopal de Lluc, a Banca March e o mosteiro de Secar de la Real.

Pilar Vicente De Foronda (Pontevedra, 1961)

Licenciada en Belas Artes pola Universidade Complutense, Doutora en Belas Artes (cum laude) pola Universidade de Granada. Axente de detección e intervención en violencia de Xénero e Máster na aplicación da perspectiva de xénero nas Industrias Culturais pola Universidade Complutense. Máster de Axente de Igualdade na Universidade de Castela-A Mancha.
Despois de anos de realizar esculturas ao modo fin de século XIX, entre outras, levantar o monumento “Á sombra das nais” en Cabanillas del Campo, pasa ao activismo feminista levando a cabo proxectos de arte cooperativa para mellorar a vida das persoas, como son os talleres Pensar o teu Eu Creativo, onde mestura todas as sabedorías calidoscópicas adquiridas a través de anos de estudo e así, a través da reflexión, pensar/pensarmos as violencias que nos atravesan, tanto as impartidas como as recibidas para traballar en construír unha “vida boa”. Así mesmo, desenvolve dende hai anos o work in progress, taller/instalación/performance Mercado Canalla, onde se constrúen espazos site specific á búsqueda de respostas para a pregunta “pódense empregar os nosos corpos a cambio de diñeiro?”. Taller/instalación/performance xa realizado en Toledo, Navarra, Alcalá de Henares, Guadalaxara e no xardín tropical da Estación de Atocha, en Madrid.
Desenvolve o seu traballo tanto dende a arte coma dende a xestión cultural. A falla de espazos para amosar o traballo propio conduciu á autoxestión e a xerar novos espazos laborais para a cultura creada por mulleres. O sentido que ten esta xestión cultural é “feministear” a cultura.
Realizou colaboracións con MAV (Mulleres nas Artes Visuais, das que tamén é socia), Caixaforum e Clásicas e Modernas, das que foi secretaria xeral durante tres anos, coordinando, xunto a Laura Freixas, o ciclo “Nin elas musas nin eles xenios”, que logrou poñer no pensamento colectivo a idea da deconstrución da figura da xenialidade coma algo inherente á masculinidade. En Guadalaxara colabora co colectivo MUART.GU. Tamén dirixiu o ciclo “IgualaTTeatro”; no Corral de Comedias de Alcalá e no Teatro Moderno de Guadalaxara; os ciclos de “Pensadoras” de Centro de Estudos Políticos e Constitucionais (CEPC); os talleres “Imos pintar algo en Guada” ou “O mural das mulleres” para o Concello de Guadalaxara.
En 2023 realizou os bustos de “Oito Mulleres Ilustres da provincia de Guadalaxara” ubicados no bulevar Clara Campoamor da mesma cidade.
Actualmente forma parte do persoal docente da Universidade Complutense de Madrid como Profesora Contratada Doutora na Facultade de Educación, Centro de Formación para o Profesorado.
Pódese consultar parte da súa obra artística en: www.foronda.es
Sobre as cotiandades en redes atoparala en @pivifo @foronda o Pilar V. de Foronda.

Fátima Cortés ( Madrid, 1967 )

Empezou a estudar na escola de Artes e Oficios número 10 de Madrid, onde atopou á persoa que lle habería de cambiar a forma de percibir o mundo. Posibelmente, o seu querido profesor, César Montaña, xamais soubo o que estaba a influír nunha mente aínda sen modelar. Débelle a él a percepción da arte con esforzo, traballo e superación.
Logo de graduarse como ilustradora, decantouse polo mundo do deseño, cunha dedicación de xa máis de vinte anos.
Un bo día volveu sentir a chamada da creación plástica, pero xa contando coa experiencia adquirida como deseñadora, amais dos coñecementos que aprendera de profesores de escultura como Marta Sánchez Luengo, con quen aprendeu a ver a escultura dende o punto de vista da sensibilidade creativa.
Anos de investigación e aprendizaxe levárona a crear liñas de traballo baixo a mesma fonte de inspiración: a natureza e a súa beleza, á que dedica, con respecto, toda a súa creación.

Elena Laverón (Ceuta, 1938)

Viviu en Marrocos até 1954, data na que se trasladou coa súa familia a Barcelona. En 1955 ingresa na Escola de Belas Artes de San Xurxo. Recibe o Segundo Premio de Escultura do Círculo Aristide Maillol do Instituto Francés. En París estuda con Zadquine. En 1959 imparte clases de debuxo no Instituto de Bacharelato de Ceuta. En 1963 trasládase a Alemaña. En 1966 instálase en Málaga, onde reside. En 1970 recibe o Segundo Premio na VIII Bienal de Alexandría (Exipto) e o segundo da Bienal de Deporte en Arte, en Barcelona. Dende entón, dedícase fundamentalmente á escultura.
A obra de Elena Laverón forma parte de múltiples coleccións públicas e privadas en distintos países do mundo. Canto a museos con obra súa, destacan o Museo Guggenheim de Nova York e o Danforth Museum of Art, de Massachusetts, en EEUU, o Museo Municipal de Mülheim, en Alemaña, o Museo de Toluca, en México, o Museo de Escultura de Bad Ragaz, en Suíza, así como nos museos Centro de Arte Reina Sofía, en Madrid, de Murallas Reais, de Ceuta, ou o Museo de Málaga, antigo Museo de Belas Artes, en España.
Ademais, a obra de Elena Laverón debido ao seu carácter monumental, pode verse en moitos espazos públicos, en rúas, paseos e prazas de cidades tan diversas como Atlanta, Madrid, Málaga ou Ceuta.
Laverón continúa a traballar e a organizar exposicións antolóxicas. Entre as súas máis recentes, as organizadas en Aranda de Duero con motivo das Idades do Home (2015), no Centro de Arte Contemporánea de Vélez-Málaga (2016), no Porto de Málaga (2017), ou na acidade de Torremolinos, en Málaga (2016, 2019), onde actualmente seguen expostas as súas esculturas.

Muche (Dijon, Francia, 1968)

O seu verdadeiro nome é Muriel Vignet Lesbros, coñecida como Muche. A escultura é un descubrimento tardío para Muche. O debuxo foi o seu primeiro amor. A escultura parecíalle inaccesíbel. A súa profesora de arte animouna a intentalo. En 2011 creou o seu primeiro puño de karate e descubriu o poder transformador e curativo da arte. A súa primeira exposición, Hands, fíxolle caer na conta de que a súa obra provocaba emocións, tanto entusiasmo coma repulsión, que é do que trata a arte!!
Rodin e Camille Claudel inspiran o seu traballo. Bernini é o mestre que lle encantaría ter se vivira hai séculos. Traballa na fermosa Barcelona, nunha comunidade creativa con outros artistas, Studio Verdi.
As súas esculturas están cheas de enerxía, compaixón, son unha oda á sensualidade do corpo humano. O seu traballo, expresivo, xera emocións e sentimientos. Facer escultura é un modo de vida, con poder sandador, fai sentir vivo, de xeito que axudou á escultora a recuperarse dun esgotamento por traballo, ao buscar no seu interior un positivismo inexorábel. Cada escultura de Muche é unha afirmación de positivismo: espidos sensuais ou loitando, bailarinas en movemento difuminando enerxía positiva; caras sorrintes, cheas de bondade ou xentileza; mans abondosas de emocións, símbolos de forza e compromiso. Muche é un himno á bondade, á búsqueda da felicidade e beleza que temos en cada un de nós.

Sonia Cardunets García (Madrid, 1965)

Licenciada en Socioloxía pola Universidade Complutense de Madrid, non foi ata 1993 cando as circunstancias da vida lle brindaron a posibilidade de descubrir e dedicarse en exclusiva ao que se converteu na súa paixón e mellor forma de expresión: a escultura.
De formación autodidacta, de 1993 a 1997 cursou estudos e investigación sobre distintos materiais e técnicas no Taller de Arte Kroom de Madrid, entón dirixido e impartido pola escultora María Luisa Campoy, con quen tamén colaborou como axudante. Pronto empezou a expresar e a desenvolver os seus propios mundos e, en 1997, realizou a súa primeira exposición en Burdeos, Francia. Dende entón ten feito numerosas exposicións en Galerías de Arte e Centros Públicos, e participado en Feiras de Arte Contemporánea nacional e internacional, tanto en España coma en Francia, EEUU, Holanda, Bélxica, Italia, Alemaña, Suíza y Luxemburgo.
Dende 1999 reside afastada da cidade na súa vida diaria e creativa, conectada coa natureza, que é para ela unha gran fonte de inspiración.

Kay Woo (Busán, Corea o Sur, 1960)

Licenciada en Belas Artes pola prestixiosa Universidade Nacional de Seúl, especializada en escultura. Completa a súa formación artística en Chicago, EEUU, nos campos de deseño gráfico e publicidade, aos que se dedicou durante tres anos. Posteriormente, pasa a formar parte do cadro de escultores do departamento de deseño de General Motors, en Detroit, ao que se dedicou durante 12 anos, desenvolvendo novos modelos de coches.
En 2001 múdase a Madrid e empeza a dedicarse á escultura e á pintura por vocación.
Traballa principalmente en bronce e aluminio e entre os seus temas destaca o baile flamenco, a súa gran paixón. En 2018 recibiu o Premio Cristina Hoyos, na súa primeira edicición, de mans da bailaora, pola súa interpretación de esta arte. Tamén os seus retratos abstractos foron seleccionados en dúas ocasións pola Society of Portrait Sculptors of England para a súa exposición anual en Londres. É membro do grupo Mínimo Tamaño Grande, asociación de escultores en España, e expuxo as súas obras en varias galerías e institucións en Seúl, Londres, Bruselas, Barcelona e Madrid entre outras cidades.

Tamén che pode interesar

Comparte nas túas redes