Xornada formativa: avaliar para ser sustentables

Deseño e implementación práctica dun plan de avaliación en museos

Cartaz do ciclo formativo "Avaliar para ser sustentables". Un proxecto da Rede Museística Provincial de Lugo que se inclúe en Estratexias de Museoloxía Social 2023

Esta proposta forma parte de: Estratexias de Museoloxía Social

Cando: 13 de novembro de 2023 (10:30-18:30)

Formato: Presencial

A Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da Rede Museística Provincial de Lugo, desenvolve o luns 13 de novembro de 10:30 a 18:30 e no Pazo de Tor (Monforte-Lugo) este encontro formativo cunha orientación moi práctica centrado no plan de avaliación. Un recurso que nos permite medir o impacto real na nosa comunidade dos procesos e accións que activamos.

A xornada estará guiada por Eloísa Pérez Santos, profesora de avaliación psicolóxica da Universidade Complutense de Madrid e investigadora de públicos de museos. Con ela trataremos claves como: a humanización dos datos, a importancia de obxectivos e indicadores ben definidos, o apoio a marcos teóricos ben fundamentados, a procura do rigor, a sustentabilidade e a ética e, sobre todo, a comprensión de que a valoración e o coñecemento do público son unha ferramenta valiosa para reflexionar sobre o museo que queremos conseguir. Na xornada tomaremos como casos de estudo reais algunha das propostas activas no propio espazo da Rede Museística Provincial de Lugo, ademais de abordar dúbidas e exemplos dos contextos concretos das persoas participantes.

O obxectivo é facilitar unha reflexión colectiva sobre o o papel dos museos en particular, e da cultura en xeral, no benestar e o desenvolvemento sostible das súas comunidades.
  • A participación nesta xornada práctica é gratuíta. 
  • É recomendable tanto para persoas vinculadas ao ámbito museístico, como tamén doutros contextos culturais e de ámbitos próximos, como a mediación social ou a educación, entre outros.
  • As prazas son limitadas, por estrita orde de inscrición.

Este encontro completa o programa formativo Estratexias de Museoloxía Social 2023. Unha proposta de coñecemento aberto, dirixida a toda a comunidade iberoamericana da Rede Museística e que este ano xirou arredor do lema “Museos, sustentabilidade e benestar”.

Tamén che pode interesar

Comparte nas túas redes