10º aniversario da declaración BIC da colección de ourivería antiga Álvaro Gil Varela

Queremos celebrar este día agradecendo á institución que formulou o primeiro paso para a consecución desa figura xurídica de recoñecemento e protección outorgada a un gran conxunto de sobranceiros bens mobles por mor da súa importante consideración dentro do patrimonio cultural de Galicia.

A normativa legal patrimonial entende colección como “un conxunto de bens agrupados de xeito misceláneo ou monográfico logo dun proceso intencional de provisión ou acumulación”.

Pois ben, a Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela foi quen iniciou o expediente para a súa declaración como Ben de Interese Cultural (DOG 23 outubro de 2013) sendo efectiva no ano 2015 en base ao Decreto 77/2015 con data do 21 de maio, publicado no DOG o 4 de xuño, dado que “a colección de ourivería de Álvaro Gil Varela é un

elemento fundamental do patrimonio cultural moble galego tanto polos seus valores culturais, artísticos, históricos e arqueolóxicos como porque as pezas e materiais que a compoñen forman parte do imaxinario colectivo e identitario da sociedade galega”.

Segundo a acta da Xunta da Facultade de Historia do 21 de xuño de 2013 como punto 8 da orde do día, ía o seguinte:

“Proposta e aprobación, se procede, do pedimento de incoación de Ben de Interese Cultural (BIC) da Colección Álvaro Gil”.

A Área de Arqueoloxía do Departamento de Historia I solicita, a través de escrito lido polo Decano, que a Facultade se adhira á solicitude de declaración de BIC para a colección Álvaro Gil depositada no Museo Provincial de Lugo, ao tempo que solicita que, de ser aprobada, dita adhesión sexa comunicada aos medios de comunicación. Ditos pedimentos son aprobados, por asentimento, pola Xunta de Facultade”.

Esta iniciativa foi propulsada por Raquel Casal García, Fernando Acuña Castroviejo, José M. Caamaño e Pilar Prieto que asinan o texto citado. Cómpre agradecer a Raquel Casal García, daquela directora do citado departamento, e Fernando Acuña, en nome dos demais compañeiros de Facultade, e do decano, Juan Monterroso, esa valente e comprometida iniciativa.

Ademais do destacado papel da Facultade de Xeografía e Historia da USC, outros órganos consultivos da Xunta de Galicia como a Real Academia Galega de Belas Artes Nosa Señora do Rosario e o Consello da Cultura Galega informaron favorablemente a declaración sinalando a relevancia da colección e os seus valores, así como a súa conveniencia.

Precisamente, en febreiro de 2015, coincide que tamén retornou a colección ao Museo Provincial de Lugo, tralo acordo da Deputación cos herdeiros de Gil Varela materializado mediante un contrato de adquisición que poñía fin aos pasados desencontros que desembocaran nun conflito xudicial pola súa titularidade cunha duración de tres lustros. Non obstante, durante dous anos sufrimos, a maiores, a ausencia dunha colección cuxa peza máis emblemática, o torques de Burela, tamén abandonou as vitrinas deste museo por mor da retirada, en 2013, do depósito completo que sumaba 44 pezas, xa que logo de propiedade do MPL só había 12 máis.

Esta volta e a súa reinstalación na mesma sala 8 do MPL onde estivera durante trinta e nove anos (1974-2013), supuxo un acontecemento mediático e social expresado no nivel de visitantes ao museo que se achegaron para reencontrarse, de novo, cun patrimonio arqueolóxico galego, agora xa, definitivamente, público, para o desfrute de toda a cidadanía.

O contrato de adquisición establecíase en pagos anuais de lotes da colección durante catro anos, pero o seu regreso non esperou ao remate da compra senón que se produce no mesmo momento da sinatura do acordo entre os herdeiros de Gil Varela e a Deputación de Lugo, poñendo fin ao conflito xurdido pola saída desa colección do Museo Provincial de Lugo, onde o citado mecenas lucense a depositara en 1974.

Posteriormente, no 2018, celebrouse o Ano Europeo do Patrimonio dun xeito moi emotivo para toda a comunidade e, sobre todo, para o Museo Provincial de Lugo posto que facendo un considerable esforzo humano e material, xuntamos catro importantes e transcendentais fitos para a nosa historia museal:

1. O remate dos prazos da devandita adquisición da totalidade da colección de ourivería de Gil Varela.

2. A total renovación museolóxico-museográfica da sala 8, dedicada exclusivamente a esa parte do patrimonio arqueolóxico galego rebautizada como “sala de ourivería antiga”.

Inauguración da Sala de ourivería antiga do MPL o 1 de agosto de 2018

Autoridades e público asistente á inauguración

3. A publicación do catálogo razoado titulado A colección de ourivería antiga do Museo Provincial de Lugo coa edición científica de Aurelia Balseiro García e importantes achegas de varios autores internacionais.

4. A celebración, en Lugo, dun Congreso Internacional de Arqueoloxía do ouro, o primeiro en Galicia que reuniu aos mellores especialistas europeos en ouro e ourivería antiga cun comité científico de gran relevancia.

Ben está o que ben acaba, pero hai que lembrar como ocorreron os feitos para valorar o traballo realizado tanto polas institucións, colectivos, asociacionismo ou medios de comunicación, como polas persoas que individual e colectivamente expresaron o seus azos contribuíndo a valorar a importancia de coñecer, protexer, conservar e difundir o noso patrimonio desde o sitio onde se orixinou e desenvolveu.

GRAZAS A TODA A SOCIEDADE POLO SEU APOIO AO PATRIMONIO GALEGO!

Aurelia Balseiro García
Directora do Museo Provincial de Lugo

Enlaces de interese

Comparte nas túas redes