As orixes do Pazo de Tor están ligadas á liñaxe dos Garza no século XIV, e a súa posesión mantívose en mans dos seus descendentes directos ata a súa derradeira propietaria, Dona María de la Paz Taboada de Andrés y Zúñiga, que fixo doazón da propiedade á Deputación Provincial de Lugo.
O edificio foi construído no último terzo do século XVIII, dentro do estilo barroco, pero xa matizado por certo sentimento estético neoclásico visible na súa sobriedade, simetría e emprego das ordes clásicas. Abriu as súas portas como museo o 13 de xullo de 2006.
Actualmente ofrece acceso a parte dos fondos da súa biblioteca.
VISITAS INMERSIVAS
As visitas inmersivas aos catro museos da Rede Museística Provincial de Lugo permiten a persoas usuarias de todo o mundo acceder ás nosas coleccións sen importar o seu emprazamento físico.
Están formuladas en clave de igualdade e inclusión e xorden como resposta á necesidade de achegarnos á comunidade adaptándonos ás distintas realidades da mesma.
As persoas que non dispoñan de conexión a internet poderán poñerse en contacto coa Rede Museística, que lles facilitará os recursos necesarios para ter acceso a estas visitas.