Programa de Actividades Escolares da RMPL 2026/27

O museo como espazo de polinización cultural, educativa e social

A Rede Museística Provincial de Lugo, dependente da Área de Cultura da Deputación de Lugo, presenta para o curso 2026-2027 a programación educativa dos catro museos da RMPL para este primeiro trimestre baixo o lema «Aprender a mirar, aprender a escoitar». A proposta entende o museo como un espazo vivo de aprendizaxe, encontro, participación e construción de comunidade.

Educar é unha responsabilidade social, onde a transmisión da información ten que ter un camino de volta, un poder transformador para todxs os que participamos dela. Educar significa ofrecer ferramentas para comprender o mundo, desenvolver capacidades, pensamento crítico, identidade propia e recoñecer a diversidade como a maior riqueza do colectivo.

Tomamos como referencia os catro piares da educación formulados no Informe Delors para a UNESCO: aprender a coñecer, aprender a facer, aprender a vivir xuntxs e aprender a ser.

A estes catro piares engadimos dúas accións fundamentais: aprender a mirar e aprender a escoitar. Porque antes de interpretar temos que observar; antes de responder temos que escoitar; antes de valorar temos que coñecer; e antes de coidar temos que crear vínculos.

Mirar e escoitar son dúas formas de coñecer, pero tamén de respectar. Queremos aprender a mirar unha obra de arte, unha peza arqueolóxica, unha fotografía, unha paisaxe ou un obxecto cotián, sexa un medio para aprender a mirar ás persoas. Cada obxecto é unha peza da historia e cada unha delas garda as historias e vidas daqueles que nos precederon. Queremos xuntar tódalas pezas e aprender a escoitalas para coñecernos e poder seguir descubrindo e dándolle vida á nosa memoria, á tradición oral, ós sons do territorio e ás voces diversas da comunidade.

A metáfora das abellas

Recentemente, a Área de Cultura, a través da Rede Museística, mercou a obra Archivo 24,  do artista visual e apicultor Isaac Senchermes, onde a representación de diversas mostras de pole fan das abellas un exemplo de convivencia, cooperación e sostibilidade, dun xeito amable de vivir e de habitar os espazos que nos rodean. A obra ofrécenos un punto de partida para traballar territorio, patrimonio e comunidade.

As abellas como axentes educativos e a polinización de coñecementos serán o fío condutor da nosa programación. Unha abella percorre o territorio, observa, busca, escolle, recolle pole de flores diferentes, transpórtao, conecta lugares, poliniza e crea nova vida. Cada unha, coa súa pequena aportación individual, contribúe á supervivencia de toda a comunidade. A educación e o coñecemento tamén se constrúen así.

A Rede Museística Provincial pode entenderse tamén como unha gran colmea. No caso do Museo Provincial de Lugo nas súas salas conviven arqueoloxía, arte, historia, etnografía, memoria, creación, tradición e múltiples experiencias humanas. Cada peza é unha flor; cada historia contén un pole diferente; cada visitante pode ser un axente polinizador.

Cada aprendizaxe pode viaxar desde o museo ata a escola, desde a escola ata as familias e desde as familias a toda a comunidade. Así como as abellas favorecen a biodiversidade mediante a polinización, os museos fortalecen a diversidade cultural favorecendo o encontro entre persoas, coñecementos e experiencias

Territorio + Patrimonio + Comunidade

Territorio. O lugar que habitamos: paisaxe, natureza, biodiversidade, cidades, aldeas, camiños, arquitectura e formas de relacionarnos co medio.

Patrimonio. Aquilo que recibimos, reinterpretamos, coidamos e transmitimos: patrimonio arqueolóxico, artístico, histórico, natural, documental, etnográfico, oral, material e inmaterial.

Comunidade. As persoas que dan sentido ao patrimonio: as que estiveron antes ca nós, as que vivimos hoxe e aquelas ás que temos a responsabilidade de transmitilo.

Territorio + patrimonio + comunidade forman a nosa colmea.

Os seis eixes de aprendizaxe

Eixe Sentido educativo
Aprender a coñecer Investigar, preguntar, relacionar e comprender.
Aprender a facer Experimentar, crear, interpretar e transformar.
Aprender a vivir xuntos/as Dialogar, cooperar, respectar as diferenzas e construír comunidade.
Aprender a ser Desenvolver autonomía, sensibilidade, pensamento crítico e responsabilidade.
Aprender a mirar Observar con atención, descubrir o que pasa desapercibido e interpretar imaxes, obxectos, persoas e territorio.
Aprender a escoitar Recoñecer outras voces, practicar a escoita activa, recuperar memorias e comprender tamén os silencios e as ausencias.

Obxectivos

  • Achegar os museos da Rede Museística Provincial á comunidade educativa.
  • Entender o museo como espazo de aprendizaxe, participación e creación de vínculos.
  • Poñer en valor o territorio e o patrimonio da provincia de Lugo.
  • Favorecer o sentimento de pertenza e responsabilidade cara ao patrimonio común.
  • Desenvolver a observación, a escoita activa, a curiosidade e o pensamento crítico.
  • Promover a igualdade, a inclusión, a accesibilidade e o respecto pola diversidade.
  • Visibilizar historias e persoas tradicionalmente pouco representadas.
  • Relacionar patrimonio cultural e patrimonio natural.
  • Favorecer o diálogo interxeracional e a memoria compartida.
  • Incorporar a sustentabilidade e os coidados á educación patrimonial.
  • Conectar museo, escola, familia e comunidade.
  • Entender o alumnado como produtor e transmisor de coñecemento.

Metodoloxía: polinizar o museo

Non propoñemos visitas de escoita pasiva, senón experiencias participadas de aprendizaxe recíproca: preguntar antes de explicar, observar antes de identificar, escoitar antes de responder, investigar antes de concluír e crear despois de descubrir.

As actividades empregarán visitas dialogadas, investigación cooperativa, narración oral, expresión artística, xogos, obxectos, sons, documentación histórica, experimentación e creación colectiva.

Cada grupo será un enxame investigador. Cada sala, unha paisaxe. Cada peza, unha flor. Cada descubrimento, un gran de pole. E cada regreso á escola permitirá continuar a polinización e a expansión do coñecemento.

Oferta de actividades curso 2026-2027

A oferta educativa para o curso 2026-2027 parte dos fondos expostos nos museos da Rede Museística Provincial de Lugo como principal recurso para coñecer, interpretar e poñer en valor o noso patrimonio.

Ao longo do curso, este traballo completarase co aproveitamento didáctico das exposicións temporais programadas, incorporándoas ás actividades cando permitan ampliar, complementar ou ofrecer novas lecturas dos fondos permanentes.

A oferta presentarase cada tres meses para adaptarse á programación expositiva e manter unha comunicación continuada e flexible coa comunidade educativa.

Contacto e Reservas

Para coordinar as visitas, solicitar orientación pedagóxica ou tramitar a concertación das actividades escolares, o profesorado e os equipos directivos poden escribir directamente ao correo electrónico concertacionsrmp@gmail.com.

Consulta a programación de cada museo

programa didactica Museo provincial de lugo

Museo Provincial de Lugo

Museo Pazo de Tor

Museo Pazo de Tor
programa didactica Museo provincial do mar

Museo Provincial do Mar

Museo-Fortaleza de San Paio de Narla

Museo san paio de narla

Comparte nas túas redes