PARTICIPA
Na Rede Museística Provincial de Lugo traballamos dentro dun modelo de museoloxía social, no que todo o que se pensa, deseña e promove dende os catro o museos ten sempre ás persoas no centro. Buscamos afondar con elas, contigo, nas relacións entre territorio, patrimonio e comunidade.
Nesta sección da web atoparás as propostas que temos activas neste momento para diferentes públicos. Ningunha clasificación é un compartimento pechado: ti, por exemplo, podes ter múltiples intereses e formar parte de varios públicos.
Así que síntete libre para descubrir, gozar e participar de todo o que a Rede che ofrece neste momento!

Infantil e familia
Na Rede Museística somos unha gran familia e, como tal, temos a misión de coidar, ensinar, incentivar e contribuír ao crecemento interior de quen forma parte da nosa comunidade. Por esta razón, procuramos desenvolver proxectos e iniciativas destinadas aos máis pequenos e pequenas da casa, posto que son o futuro e o xerme do cambio que permitirá construír un mundo mellor.
Contamos co Club Pequeamigxs, que ofrece múltiples actividades destinadas a achegar a arte e o patrimonio á rapazada de xeito lúdico e interactivo.
Tamén se realizan obradoiros familiares, que teñen como obxectivo fortalecer e tecer lazos entre as familias, incentivar o traballo en equipo, aprender escoitando ás persoas maiores e, en definitiva, contribuír a medrar xuntas e xuntos coñecendo a nosa historia, o noso patrimonio e as nosas raíces.
O último que a RMPL ofrece a Infantil e Familia
En abril, visitas mil
Club Pequeamigxs

Mocidade
A mocidade é o camiño cara a madurez, unha etapa de grandes cambios e aprendizaxe persoal. Dende a Rede Museística queremos acompañar aos mozos e mozas nese proceso, proporcionándolles recursos para que sigan avanzando e descubrindo o mundo e o contexto no que viven.
O Club Ei! ofrece múltiples actividades que teñen como obxectivo achegar a arte, a historia e o patrimonio á xuventude; empregando medios que lle son de uso habitual como as novas tecnoloxías.
O último que a RMPL ofrece a Mocidade
En abril, visitas mil
Cravos coma Toxos
(RE)CONEXIÓN
Clube ei!

Maiores
Na Rede Museística queremos contar coa sabedoría e experiencia vital da nosa comunidade adulta. Por iso poderás atopar aquí obradoiros e proxectos dirixidos á poboación maior de 18 anos.
Ademais, as persoas maiores de 65 contan cun espazo propio, o Club Sénior, que ofrece iniciativas e recursos destinados a potenciar e poñer en valor a súa sabedoría. A poboación da provincia de Lugo conta cun 270,82 % de envellecemento e, alí onde outros queren ver unha provincia avellentada, nós vemos un territorio sabio, rico en experiencia e patrimonio inmaterial conservado na memoria dos veciños e veciñas de maior idade.
O último que a RMPL ofrece a Maoires
En abril, visitas mil
Club Senior

Comunidade Educativa
A educación é unha función intrínseca aos museos, polo que desde a Rede Museística Provincial de Lugo consideramos fundamental tecer lazos cos centros educativos. Así pois, traballamos no deseño de actividades e inciciativas que nos permitan achegarnos tanto ao profesorado como ao alumnado, co fin de construír proxectos en común.
Neste espazo atoparás a nosa programación educativa, con propostas adaptadas ás diferentes idades e fundamentadas no currículo escolar. Ademais, a comunidade universitaria e investigadora conta tamén cun espazo propio dentro das iniciativas da Rede Museística, que leva anos ofrecendo prácticas académicas de Grao e Mestrado, atendendo ás solicitudes e consultas do persoal investigador e publicando artigos no Boletín da Rede.
O último que a RMPL ofrece a Comunidade Educativa
Programa escolar sobre Igualdade de Xénero
Museo viaxeiro
Programa escolar 2022-23

Comunidade Artística
A Rede Museística Provinicial de Lugo, no seu compromiso de traballar o fomento da innovación e a creatividade, puxo en marcha o Proxecto Abertal, que ten como finalidade impulsar as artes e a cultura como ferramenta integradora, implicando a comunidades artísticas e promovendo proxectos de interese público con impacto na vida cotiá, contribuíndo na relación entre os habitantes coa contorna urbana e rural, a arquitectura, a paisaxe e os espazos públicos e privados.
Con este proxecto -a través do que se fixeron mais de 1200 exposicións- activamos a comunidade en forma de Rede Aberta Artistas Lugo (ABERTAL) co obxecto de potenciar a cooperación cultural dende o concepto de apertura e intercomunicación. Conectar a artistas que, de maneira individual ou colectiva queiran desenvolver proxectos de exposición ou creación relacionadas con todas as disciplinas artísticas, con entidades que queiran participar na difusión e promoción dos proxectos.
É dicir, abrir as manifestación artísticas e creativas, así coma os espazos culturais, a novas experiencias e a novas usuarias. En definitiva, xerar oportunidades alternativas a artistas e espazos que buscan ampliar o seu campo de acción e adentrarse en novos territorios culturais, dentro dun ámbito xeográfico delimitado e con características identitarias singulares.
O último que a RMPL ofrece a Comunidade Artística
Residencias Land Art
Historia do Futuro
(RE)coñecer? (Re)presentar? (Re)distribuír? Rede Museística Provincial

Profesionais de museo
e investigadoras
O Movemento Internacional para unha Nova Museoloxía (MINOM) e o Consello Internacional de Museos (ICOM) son a base das propostas que a Rede ofrece a profesionais do ámbito museístico. O obxectivo destas iniciativas é dar resposta ás necesidades dxas profesionais dos museos arredor de varias cuestións concretas, como poden ser a cooperación e prácticas a través de Ibermuseos e a divulgación dos conceptos básicos da museoloxía social.
Con carácter xeral, abordamos a formación do personal de museos, organizamos actividades a nivel nacional, estatal e internacional (congresos, programas, xornadas,…) e promovemos publicacións relacionadas con estas cuestións.