Presentada a Semana do Patrimonio Invisible

Foi presentada hoxe, 4 de xuño, no Museo Provincial de Lugo, a Semana do Patrimonio Invisible, unha nova e singular iniciativa cultural promovida pola Rede Museística Provincial de Lugo, no marco do programa SoTERRAdas.
A Semana do Patrimonio Invisible propón unha mirada distinta ao noso patrimonio, abrindo ao público espazos excepcionais da provincia que, en condicións habituais, permanecen inaccesibles ou con acceso restrinxido. O seu obxectivo é facer visible a riqueza oculta do territorio lucense a través dunha experiencia cultural única, fóra dos circuítos turísticos tradicionais.
Non se trata só de grandes monumentos: a proposta convida a descubrir lugares cargados de memoria e significado, que adoitan pasar desapercibidos, e que nos conectan con diferentes formas de patrimonio —material, inmaterial, emocional— e coas historias persoais que os habitan.
Un formato exclusivo para unha experiencia transformadora
As visitas están deseñadas para grupos moi reducidos (máximo 15 persoas), o que garante un trato próximo e unha atención personalizada. Todas as rutas están guiadas por guías oficiais de turismo de Galicia, que achegan narrativas documentadas, rigorosas e envolventes.
As entradas estarán dispoñibles a partir do día 5 de xuño ás 12:00 da mañá a través da web patrimonioinvisible.gal, onde se poderá reservar praza por orde de inscrición. Unha vez realizada a reserva, a persoa participante recibirá un correo electrónico de confirmación coa información necesaria.
As visitas terán lugar os días 7, 8, 14 e 15 de xuño, ofrecendo á cidadanía a oportunidade de vivir unha experiencia única ao longo de dúas fins de semana consecutivas.
Espazos que se poderán visitar nesta primeira edición:
-
Encoro de Belesar (Chantada)
-
Ferrería de Penacova (Bóveda)
-
Igrexa do Hospital (O Incio)
-
Parador de Monforte e Igrexa de San Vicente do Pino
-
Pazo de Ferreiroá (Pantón)
-
Seminario de Mondoñedo
-
Mosteiro de Lourenzá
-
Mananciais de Mondoñedo
-
Cova de Santalla de Lóuzara (Samos)