SoTERRAdas

A vida tralos mantelos, da fortaleza ao pazo

Soterradas, a vida tralos mantelos, da fortaleza ao pazo

Cando: dende o 19-05-2022

O programa SoTERRADAS busca visibilizar os relatos esquecidos ou ignorados no discurso museográfico. Neste caso concreto, os das mulleres da servidume que, co seu traballo, posibilitaron a vida dos señores no Pazo de Tor.

Para isto, ábrense ao público -tras un traballo de investigación, conservación e didáctica- as súas estancias de habitación e traballo, compostas por unha sala de ferramentas, un tear, tres cuartos e un aseo, nas que tamén se poden observar obxectos da vida cotián e unha exposición de mantelos: a prenda de traballo, abrigo e invisibilidade de varias xeracións de mulleres.

Todo no soto do edificio, pero conectado directamente coas estancias superiores. Nelas están as habitacións, aseos e salóns dos señores, pero tamén a vivenda de Ángeles Rivada, habitante no soto de nena e do piso superior na súa etapa adulta, como coidadora da última señora do pazo e, posteriormente, como traballadora do mesmo. Un relato que conecta con outro: o de loita e resistencia das mulleres labregas no museo-fortaleza de San Paio de Narla.

SoTERRAdas é o primeiro programa da Rede Museística no que se cambia o relato (a museoloxía) e a maneira de contalo (a museografía) a través de diversas actividades. Entre elas a exposición, que é especialmente visible en Tor, onde estas estancias forman parte do percorrido e exposición do museo de maneira permanente.

Este programa é un fito polo que supón de materialización dunha nova museoloxía. Pero tamén é o resultado final (aínda que aberto á evolución) dunha suma de iniciativas desenvolvidas nos últimos anos dende a Rede. Proxectos que apuntaban xa a esta maneira de entender o museo, como espazo no que devolverlle luz e o protagonismo ao patrimonio (mulleres, minorías, comunidade,…) esquecido e/ou silenciado dende o relato institucional.

Galería Pazo de Tor

Galería San Paio de Narla

Audio da obra “Delitos Carnales” da artista Luz Darriba

Visita virtual

Video

Comparte nas túas redes