Efemérides como Ferramentas de Concienciación e Inclusión na RMPL
Día Mundial da Visión e o Día Mundial da Saúde Mental
Para a Rede Museística Provincial de Lugo as efemérides serven como recordatorios e oportunidades para valorar a nosa historia e as nosas loitas actuais. No noso modelo de xestión dentro da Museoloxía Social (accesible, integrador, inclusivo, igualitario e sostible) atendemos ao que acontece vencellado ás persoas e ao seu benestar con varios propósitos importantes:
1.- Memoria histórica: Os museos somos centros de memoria, as efemérides que fan parte do proceso da historia, axúdannos a lembrar eventos importantes do pasado, promovendo a conciencia histórica e o recoñecemento de persoas ou feitos.
2.- Cultura e educación: Son unha ferramenta educativa que facilita o ensino de fitos relevantes en diversos campos.
3.- Reflexión e aprendizaxe: Ao conmemorar certos eventos, foméntase a reflexión sobre as súas consecuencias e leccións, axudándonos a evitar erros do pasado ou a celebrar avances.
4.- Identidade e cohesión: As efemérides poden fortalecer o sentido de identidade cultural ou nacional ao unir ás persoas na celebración ou recordo de datas que forman parte da memoria colectiva.
5.- Visibilización de causas: Algunhas efemérides utilízanse para destacar temas sociais actuais, axudando a sensibilizar á poboación sobre causas importantes.
O día 10 de outubro celébranse o Día Mundial da Visión e o Día Mundial da Saúde Mental, dúas efemérides que achegan valor significativo a un museo, tanto en termos de accesibilidade como de concienciación social.
No Día Mundial da Visión, ás 11:00 h., no Museo Provincial de Lugo, teremos un Encontro de saberes compartido no que participarán o Director da Axencia da Once de Lugo, Francisco Javier Farnes Caminero xunto a Ángeles Miguélez, María Ramil, José Urbano Cuevas e Encarna Lago, da Rede Museística.
Esta é unha data na que tamén queremos explorar e avaliar coa comunidade cega as innovacións tecnolóxicas da Rede, concretamente o uso dunha nova sinalética mediante códigos NAVILENS.
Por outra banda, trece anos despois, a comunidade de “Fotografía a Cegas” distinguirá como persoa referente de dito proxecto ao Dr. José Carlos Pastor Jimeno. Recoñecendo o seu traballo na difusión do noso proxecto e a súa traxectoria e valiosas contribucións ao campo da investigación oftalmolóxica.
Este día 10, ás 12:00 h., tamén nos uniremos aos actos organizados polos diferentes colectivos con motivo do Día Mundial da Saúde Mental.
Ás 18:00 h., realizaremos un obradoiro no Museo Provincial do Mar coa Asociación Camiña. Vencellaremos os tempos e conexións do noso territorio, entre a terra e o mar, entre colleitas e mareas, da recolleita do millo á pesca do bonito. Mais tamén usaremos a arte como terapia para a nosa saúde mental, unha vía de escape e de manifestación dos nosos sentimentos, unha linguaxe universal e inclusiva.
No noso día a día tratamos de promover unha contorna inclusiva para visitantes e traballadorxs. Lembrar a nosa contribución para tratar de visibilizar a situación da saúde mental en Galicia a través do proxecto “Soterradas: A vida tralos labirintos mentais” no Museo Pazo de Tor, un proxecto museolóxico permanente no que vemos o trato dados ás enfermidades mentais desde o Antigo Réxime ós nosos días, co propósito de que tomemos conciencia de que como sociedade todos temos algo que podemos achegar para buscar unha solución a este gran problema, a gran epidemia do século XXI.
Estas e outras efemérides permítenlle a RMPL, non só expandir o seu alcance social e educativo, senón tamén contribuír activamente na procura dunha mellora social.