Nace o Museo da Migración da RMPL
unha ferramenta educativa para comprender e transformar a mirada sobre os movementos de persoas

A Rede Museística Provincial de Lugo presentou hoxe, de man da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, o Museo da Migración, un proxecto virtual que está pensado como unha ferramenta educativa para transformar a mirada sobre os movementos de persoas ao redor do mundo.
Este museo sen muros serve como ferramenta educativa e de activismo polos dereitos humanos, ao servizo de todas aquelas persoas, entidades, docentes, creadoras ou profesionais interesadas en promover sociedades de acollida máis xustas.
Desde a experiencia galega da migración —de ida, volta e acollida—, o proxecto propón unha mirada que transcende fronteiras e apela a realidades universais. “É un museo virtual con raíces lucenses e vontade de diálogo global, xa que pensamos que non hai un nós e un eles. A experiencia migratoria está composta de fíos que nos permiten tecer un nós máis amplo e diverso”, explica Encarna Lago, directora da RMPL.
O museo aposta tamén por outro tempo no dixital. Fronte á lóxica do consumo rápido, este espazo convida á pausa e á reflexión. A súa filosofía baséase en contidos que poidan vivirse como experiencias significativas, desde unha narrativa coidada e unha vontade clara de conexión emocional e pensamento crítico.
Un museo colectivo
O núcleo central do museo é a súa colección de voces. Unha chea de achegas sonoras que, a través de experiencias persoais, trazan unha cartografía emocional da migración. Testemuñas que falan de perdas, aprendizaxes e esperanza e que está aberta á participación de calquera persoa que desexe formar parte.
Tamén conta cunha liña de investigación, a través da que se recompila os traballos que a RMPL ven desenvolvendo ao longo do tempo neste ámbito; unha liña educativa, servindo como caixa de ferramentas a través da que atopar recursos para traballar temas como a memoria, a diversidade e o antirracismo; e unha liña de actividades que servirá para visibilizar os proxectos, procesos e accións —presenciais e dixitais— que a RMPL impulsa ou acompaña, e que contribúen a facer medrar este museo vivo. Tamén será un lugar para visibilizar artivistas, educadoras e iniciativas inspiradoras.