Transformar a Materia

Obradoiros de verán

Este verán, os museos da Rede Museística Provincial de Lugo convídanche a explorar a transformación da materia a través dunha serie de obradoiros. Durante os meses de xullo e agosto, cada museo abordará este tema cun enfoque diferente durante catro días intensos. Prepara as túas mans e a túa creatividade para dar unha nova vida a obxectos e materiais!

  • Onde: Museo Provincial do Mar
  • Cando: Do 1 ao 4 de xullo
  • Horario: De 10:00 a 14:00 h

Que ocorre cando o cotián se volve patrimonio de forma artesanal? Unha fermosa conexión entre pasado, presente e futuro? En “Trencadís”, exploraremos a recuperación da memoria a partir dos mosaicos cerámicos e azulexos da Mariña Lucense. Rescataremos a historia de lugares que o paso do tempo fixo esquecer ou que acabaron no lixo. Poñeremos especial atención á orixe, a memoria, a pertenza ao lugar, a contorna e a tradición que nos rodea. Daremos vida a un mosaico onde as nosas mans tamén falarán do chan que pisamos.

  • Onde: Museo Pazo de Tor
  • Cando: Do 8 ao 11 de xullo
  • Horario: De 10:00 a 14:00 h

As xoias, as reliquias, os accesorios… son parte inseparable da nosa vida. Obxectos que, máis alá da súa utilidade, fan referencia directa a quen as posúe, gardando historias e aumentando o seu valor emocional ao pasar de xeración en xeración. Neste obradoiro, tomarémos como referencia obxectos e materiais atopados e reciclados para crear xoias e accesorios únicos. Inspirándonos en artistas que xa fixeron isto, daremos un novo valor a estas pezas, concentrando nelas ideas e experimentacións plásticas. O resultado serán obras portables que poderás levar contigo, cheas de significado e arte.

  • Onde: Museo Fortaleza San Paio de Narla
  • Cando: Do 29 de xullo ao 1 de agosto
  • Horario: De 10:00 a 14:00 h

Baseándonos na idea de “Alma máter” como raíz da aprendizaxe, este obradoiro céntrase na creación a partir de recursos naturais. Aprenderemos a valorar a nosa contorna desde múltiples perspectivas contemporáneas, a ollar a tradición e a preservar o seu testemuño. A través da experimentación en primeira persoa cos saberes e faceres tradicionais, os obradoiros serán unha conversa a catro voces coa contorna, coas súas posibilidades e coa riqueza do noso legado. Rememoraremos a importancia da memoria, da comunicación e do respecto, usando a arte como ponte e compañeira de viaxe.

Tamén che pode interesar

Comparte nas túas redes