Sacra Expandido

Un novo formato do Sacra Experience coa colaboración da RMPL

25/06/2024 Museo Provincial do Mar

26/06/2024 Museo Pazo de Tor

30/06/2024 Museo Fortaleza de San Paio de Narla

Sacra Expandido é un proxecto que busca reforzar e desenvolver as capacidades do sector cultural para acadar un tecido sólido alén dos grandes núcleos urbanos e do eixo Atlántico onde ocorren a maioría dos actos culturais de Galiza, e á súa vez contribuír, deste modo, a incrementar a actividade cultural en territorios con alta taxa de despoboación, é dicir, as aldeas de menos de 200 habitantes.

Unha iniciativa entendida como un motor de cambio, dinamización e transformación social. Comprometida con promover a dinamización, a modernización e a innovación dos sectores e axentes culturais e creativos que operan no medio rural, favorecendo a xeración de emprego, a profesionalización e a creación de redes profesionais locais, rexionais e nacionais, así como axudar á consecución da igualdade de xénero.

Sacra Expandido nace como un proxecto cultural, social e medioambiental ubicado nun territorio vitivinícola como é a Ribeira Sacra na Provincia de Lugo. A sede neurálxica é Sacra Experience, na Aldea de Pincelo, como proxecto que propón unha visión descentralizadora da cultura cunha importante labor de mediación co territorio e as súas xentes.

Sacra Expandido é un proxecto que xorde da alianza entre Sacra Experience e a Rede Museística Provincial de Lugo coa idea de fomentar unha cultura de excelencia e unha formación profesional no eido da creación artística en contornas rurais, en lugares practicamente abandonados e despoboados, e á súa vez cubrir unha necesidade no ámbito da creación comunitaria en comunidades disgregadas e invisibilizadas con risco de abandono.

Programa Completo de Sacra Expandido

A continuación, detallamos o programa completo do Sacra Expandido na Rede Museística Provincial de Lugo:

25 de Xuño

  • 18:00 horas: O Museo Provincial do Mar de San Cibrao acollerá o espectáculo de danza inclusiva “Celebrarte”, da Compañía 5S.
    • Celebrartes é un proxecto  que traballou desde xaneiro ata xuño de 2024 con 20 alumnos de diferentes entidades, de entre 12 e 14 anos, xunto a creadores profesionais. O obxectivo é explorar o fascinante e complexo mundo das neuronas e as súas conexións, que nos converten en seres únicos. Unha ollada ao outro, a quen moitas veces non comprendemos. Unha viaxe en clave de danza e teatro pola neurociencia, nun espectáculo multidisciplinar acompañado de música en directo.

26 e 27 de Xuño

  • 10:30 – 19:00 horas: O Museo do Pazo de Tor, en Monforte, e o Cinema Palleiriso, en Chantada, acollerán o encontro Terra Chea, dirixido a profesionais do sector cultural.
    • Este encontro, coordinado por Manuel Olveira, é un dos puntos fortes do programa. Nestes tempos convulsos, nos que vivimos un neorruralismo ou unha transición cara á vida en entornos rurais, preséntanse moitas complexidades que non permiten unha vida cómoda, e menos aínda unha vida en familia. Esta loita por reconstruír estes imaxinarios, desde a ollada dos seus habitantes, a maioría de máis de 80 anos, leva a reflexionar profundamente para lograr, pouco a pouco, un plan estratéxico de repoboación a través da cultura. Estes creadores son capaces de xerar sinerxías e redes, propoñendo un novo rural como un espazo de arte e cultura, un referente de programación de artes escénicas, musicais, literarias e visuais, tanto en Galicia como no resto de España.

30 de Xuño

  • 11:00 – 14:00 horas: Janet Novás impartirá un obradoiro de danza e teatro no Museo da Fortaleza de San Paio de Narla, en Friol.
  • 18:00 – 19:30 horas: A mesma artista ofrecerá unha mostra do espectáculo “Feelings” e manterá un coloquio co público.
    • “Feelings” é unha obra que nunca se definiu; naceu o día dunha morte e xurdiu como un berro ou un pranto por esa perda. Desde ese momento negouse a tomar unha forma concreta e tamén se negou a morrer. É un corpo vivo que quere habitar espazos para chorar, para tomar o pranto como un exercicio.

Entrada Libre con Reserva Previa

Todos os espectáculos do Sacra Expandido serán de entrada libre ata completar aforo, pero con reserva previa na web do Sacra Experience

Comparte nas túas redes