5 anos da morte de Paco Pestana
Acordanzas

Temática: Belas Artes
Esta proposta forma parte de: Acordanzas
Paco Pestana foi un artista orixinal, cunha imaxinación prodixiosa, tanto que para expresarse precisaba non só de pezas tridimensionais, senón tamén de debuxos, colaxes e case sempre de palabras, textos, versos, declamacións e postas en escena. Por iso é polo que abrangue tantas facetas, escultor, ilustrador, artesán, poeta e rapsoda, actor…
Foi provocador, extravagante, orixinal e único, acorde cunha personalidade complexa e reflexiva. Mantívose profundamente apegado ao seu lugar de orixe, ao ámbito agrícola e gandeiro, á natureza, á materia e as formas orgánicas, en particular á madeira coa que elaborou a maior parte das súas esculturas, os seus “artefactos”. Tamén foi viaxante e un grande observador e narrador da súa contorna. Un autor que podía ser ao tempo barroco e surrealista, místico e irreverente, lúdico e reflexivo, arcaico e absolutamente contemporáneo. Un creador de fi guras extraordinarias que nunca nos deixou indiferentes.
Pestana foi durante décadas visitante habitual do Museo Provincial e participou en diversas actividades que tiveron lugar neste centro. Fíxoo como artista, en mostras individuais e colectivas, como comisario de exposicións, como público asistente a propostas organizadas polo museo. E a súa obra forma parte esencial das coleccións desta institución.

LY/Departamento BBAA


