500 Mulleres na Arte
Concha Mayordomo

20 aniversario da RMPL
Museo provincial de Lugo | Museo provincial do Mar | Museo-Fortaleza San Paio de Narla | Pazo de Tor | Sala de Exposicións da Deputación
Dende o 02/09/2026 ata o 31/10/2026
A Rede Museística Provincial de Lug presenta o proxecto «500 Mulleres na Arte», unha iniciativa da artista e investigadora Concha Mayordomo que se insire no programa de actividades conmemorativas do 20º aniversario da Rede Museística. A mostra inaugurarase o vindeiro 2 de setembro na Sala de Exposicións da Deputación e desenvolverase nos catro museos da Rede ata finais de outubro. Esta proposta ten un obxectivo marcadamente divulgativo e didáctico, aliñado co compromiso institucional mantido ao longo destas dúas décadas a prol da inclusión e da abordaxe interseccional das desigualdades.
O proxecto constitúe unha achega historiográfica orientada a contribuír á corrección do nesgo de xénero no ámbito das Belas Artes, así como á recuperación da memoria de creadoras que, tras acadar recoñecemento na súa época, foron omitidas polos canons académicos tradicionais. A iniciativa concíbese como un arquivo documental e unha catalogación biográfica que combina a investigación histórica coa creación plástica, co fin de dar visibilidade ao traballo de creadoras, teóricas e mecenas. Deste xeito, a proposta achega un recurso de referencia para a investigación na historia da arte contemporánea e os estudos de xénero.
A exposición organízase como unha guía visual e xenealóxica que incorpora códigos QR con acceso ás biografías do arquivo dixital. Na escolma do proxecto inclúense 33 autoras galegas, das cales 9 son naturais da provincia de Lugo. Trala súa itinerancia por diferentes puntos do territorio estatal, a exposición preséntase nos centros da Rede Museística Provincial para achegar ao público este fondo documental e promover o recoñecemento das mulleres na historia da arte.


