Rosalía

Proclamar ao mundo que Galiza existe

Cartel da inauguración da exposición “Rosalía. Proclamar ao mundo que Galiza existe”, con imaxe en branco e negro de Rosalía de Castro. Anúnciase a intervención de Francisco Rodríguez, autor dos textos da mostra. A inauguración terá lugar o 30 de xuño de 2025 ás 19:15 h no Museo Provincial de Lugo. Na parte inferior aparecen os logotipos da Deputación de Lugo (Vicepresidencia e Cultura), e das entidades colaboradoras: Vía Galega e Galiza Cultura. O cartel inclúe tamén un código QR.

O vindeiro 30 de xuño, ás 19:15 horas, terá lugar no Museo Provincial de Lugo a inauguración da exposición “Rosalía. Proclamar ao mundo que Galiza existe”, unha mostra que conxuga rigor, sensibilidade e compromiso coa figura de Rosalía de Castro, símbolo da cultura galega e referente universal.

A exposición estrutúrase arredor de tres eixos fundamentais que permiten achegarse á autora dunha forma próxima e contextualizada:

  • A súa biografía, presentada a través dunha narrativa cronolóxica accesible.

  • O contexto histórico, social e cultural no que desenvolveu a súa vida e obra.

  • A orientación, o sentido e a vixencia da súa produción literaria, convidando á lectura mediante fragmentos escollidos que ilustran o seu pensamento e a súa estética.

Ao longo de vinte paneis, a mostra propón un percorrido pola traxectoria vital e intelectual dunha muller valente, consciente do seu tempo e do seu país, que asumiu o galego como lingua de cultura e defendeu o dereito das galegas e galegos alfabetizados a contaren cunha literatura propia e moderna.

Neste camiño, Rosalía de Castro rompeu os moldes do seu tempo, tanto desde unha perspectiva literaria como vital. Apostou por vivir da súa escrita e, ao mesmo tempo, por reivindicar unha identidade cultural que se manifestase en galego, nunha época na que iso supuña unha verdadeira transgresión. Ela mesma falaba desta loita como unha “chamada á guerra”, da que nunca renegou, malia os ataques, a incomprensión e as dificultades que padeceu.

A mostra conta cos textos de Francisco Rodríguez, que intervirá no acto inaugural e é autor dos contidos que acompañan a exposición.

Desde a Rede Museística Provincial de Lugo convidámosvos a participar neste acto e a visitar unha exposición que constitúe unha homenaxe necesaria e actual a Rosalía, e unha chamada a continuar proclamando ao mundo que Galiza existe.

Tamén che pode interesar

Comparte nas túas redes