As Xoias do Deserto
Colección Atlántica Centro de Arte
Dende o 18/12/2024
O vindeiro 18 de decembro ás 18:00, o Museo Provincial de Lugo acolle a inauguración da exposición “As Xoias do Deserto”, unha mostra que nos transportará ao fascinante mundo das mulleres bereberes.
Esta colección, pertencente a Atlántica Centro de Arte, inclúe unha ampla selección de xoias tradicionais, fotografías evocadoras e vestimentas características deste pobo, permitindo achegarse á riqueza cultural e artística dunhas comunidades cunha longa historia e identidade propia.
Como parte do noso compromiso coa inclusión, a exposición contará cunha sección tiflolóxica, que ofrece unha escolma de pezas táctiles. Estas pezas poderán ser tocadas por persoas cegas ou con visión reducida, facilitando así unha experiencia sensorial accesible e enriquecedora.
O evento forma parte do programa “Culturas en Diálogo”, unha iniciativa que busca promover a diversidade cultural e a convivencia intercultural, coincidindo coa celebración do Día Internacional do Migrante.