Amadriñando á rede:

o compromiso de nacer cun museo baixo o brazo

 Amadriñando a rede

Dende o 27/04/2026 ao 07/05/2026

Baixo o título “Amadriñando á rede: o compromiso de nacer cun museo baixo o brazo”, a Rede Museística Provincial de Lugo presenta a actividade Medrando en rede, que terá lugar os días 27 e 28 de abril e o 7 de maio. Esta iniciativa, xestionada polo Departamento de Didáctica e coordinada por Encarna Lago González, desenvólvese en colaboración coa Asociación Socio-educativa Antonio Gandoy, que achega a súa experiencia de máis de doce anos no acompañamento a familias en espazos de aprendizaxe.

O programa convoca semanalmente a 60 familias con crianzas de entre 6 meses e 6 anos para participar en contornas que priorizan a educación en valores e o fortalecemento da comunidade. O acto central inclúe a entrega do Libro de amadriñamento no Museo Provincial de Lugo por parte da Deputada de Cultura, Iria Castro. Esta actividade iníciase de xeito simbólico nunha xornada na que o museo permanece pechado ao público, abrindo as súas portas exclusivamente para acoller ás familias e aos nenos e nenas participantes.

A proposta metodolóxica baséase na experiencia sensorial e na adaptación de contidos segundo a idade dos grupos. As visitas permiten descubrir o museo a través dos sentidos, fomentar a observación e a interacción directa e compartir a lectura do conto Ás raias de Murado, elaborado polas propias familias. Ademais, os participantes realizan un obradoiro artístico colectivo co obxectivo de deixar unha pegada física no espazo museístico.

Os grupos están organizados por idades —os luns de 3 a 6 anos, os martes de 2 a 4 e os xoves de 2 a 3—, respectando os ritmos da infancia. Esta acción súmase ao espírito do Día Internacional dos Museos 2026 baixo o lema “Museos unindo un mundo dividido”. Porque se desde o berce somos capaces de compartir e crear en común, estamos reparando as fendas de fóra. Ao final, os museos son iso: espazos onde a vida tece a súa propia memoria.

Tamén che pode interesar

Comparte nas túas redes