3 de xuño: Aniversario da Declaración de Monumento Histórico-Artístico do claustro do MPL

A colección de Lotaría do MPL

A Lotaría Nacional é unha das tradicións máis arraigadas en España, sobre todo en datas tan sinaladas como o Nadal, cando millóns de persoas de todo o Estado depositan a súa esperanza nos décimos de lotaría.

Uns décimos que, co tempo, pasaron de ser o mero soporte utilizado nestes eventos para converterse en bens cun importante valor documental, onde plasmar acontecementos históricos, culturais ou deportivos e sociais que os diferentes reinados, réximes e gobernos que os emitían querían destacar.

Aínda que, xeralmente, unha vez que remata o sorteo a maioría da xente desbota o seu décimo, algúns deles chegaron ata os nosos días procedentes do século XIX, polo que, desde entón, certas persoas comezaron a gardalos, talvez premiados, conscientes do seu valor, converténdose en obxecto de colección da chamada Loterofilia.

O Museo Provincial de Lugo (MPL) conta cunha pequena colección de 505 décimos de lotaría, datada entre os anos 1969 e 1977, que estaban custodiados no Arquivo do museo, pero cuxa procedencia é descoñecida. Ilustran tradicións, obras artísticas e feitos, no citado contexto xeográfico e cronolóxico, de grandes cambios a nivel político e social, de aí o seu valor e a necesidade de conservalos dentro dos fondos do departamento de Arqueoloxía/Historia, para contribuír á súa difusión entre a comunidade.

Entre estes documentos, atópase un décimo do ano 1977 en cuxo motivo aparece o Claustro do MPL, que o 3 de xuño celebra o 94º aniversario do seu nomeamento como Monumento Histórico-Artístico. Polo tanto, aproveitamos esta efeméride para saber un pouco máis sobre as características desta colección, pero tamén sobre a historia dun dos xogos de azar máis populares en España, cunha importante tradición.

Breve historia da Lotaría

Antes de coñecer, máis de preto, os décimos que forman parte dos fondos do MPL, é necesario indagar un pouco máis sobre a orixe e os primeiros sorteos de lotaría e a historia desta tradición.

A evidencia máis antiga que temos rexistrouse na China, baixo a Dinastía Han, entre os anos 205 e 187 a. C: os billetes keno, un tipo de lotaría que aínda, a día de hoxe, xógase nos casinos chineses.

No noso país, as orixes desta institución, e a súa creación, están ligadas a Carlos III (1759-1788), cando o seu ministro Leopoldo de Gregorio, marqués de Esquilache, impulsou a lotaría como unha solución para mellorar as finanzas do Reino, a semellanza do sistema que o propio monarca observara en Nápoles, cando reinaba nese lugar. Foi no ano 1763 cando se instaurou a chamada Lotería Real, en beneficio de hospitais, hospicios e outras obras pías e públicas.

Con todo, non foi ata moito tempo despois, o 4 de marzo de 1812, cando se celebrou o primeiro sorteo da Lotaría Nacional, data sinalada como a do seu nacemento.

Ao longo do século XIX comezan a xurdir, amais, os sorteos máis emblemáticos. No 1818, organízase un primeiro Sorteo Extraordinario de Nadal, aínda que non sería ata 1839 cando comeza a realizarse de forma regular, e no 1880 nace o sorteo do Día do Neno.

O século XX trouxo maiores novidades na historia das lotarías, co nacemento, no 1924, do Sorteo da Cruz Vermella. Así como, en datas máis recentes, doutros dos sorteos máis populares. No 1946 a Quiniela, relacionada cos resultados de fútbol; no 1985 a Primitiva; e uns anos despois, en 1993, O Gordo da Primitiva, sorteos todos eles que chegan ata a actualidade, e de gran tradición.

Clases de sorteos

Como vimos, ao longo do tempo, xorden gran cantidade de sorteos: os ordinarios, máis frecuentes, cada xoves e sábado, e cunha menor emisión que outros sorteos; os especiais, que se celebran algúns sábados, ao longo do ano, cunha maior contía do premio e dedicados a datas conmemorativas (do Día da Nai, do Día do Pai, da Amizade, etc.); e os extraordinarios, que son os eventos máis coñecidos, que reparten maiores premios, como o Sorteo Extraordinario de Nadal ou o do Día do Neno.

En canto ao sorteo, hai dúas modalidades, o sistema tradicional, que na actualidade, e, desde 1965, só se utiliza no sorteo extraordinario do Nadal, e, moi esporadicamente, naqueles sorteos que Loterías y Apuestas del Estado decida. Este sorteo realízase utilizando dous bombos, un correspondente aos números en xogo, no que se introduce unha bola por número completo desde o 0 ata o 99999, e o outro que contén todos os premios a repartir. Nesta ligazón pódese ver a primeira retransmisión do Sorteo Extraordinario de Nadal, mediante o sistema tradicional https://www.rtve.es/play/videos/especiales-de-navidad/primera-retransmision-del-sorteo-extraordinario-navidad-1966/3797870/

Pola súa banda, o sistema moderno, adoptouse no ano 1965, coñecido por todos, xa que é o procedemento utilizado na maioría dos sorteos actuais, retransmitidos na televisión. Emprega cinco bombos automáticos, cada un con bolas do 0 ao 9, para formar os números premiados cifra a cifra. As bolas axítanse e extráense mecanicamente, anunciándose e colocándose nunha táboa ata completar o número gañador. É un método que combina tradición con tecnoloxía, sendo rápido e transparente.

Tipoloxía dun décimo

Os décimos, convertidos en fontes documentais, son cada unha das dez partes nas que se divide un billete ou número de lotaría. Con todo, as súas características físicas, que foron cambiando ao longo do tempo, desde o seu nacemento ata a actualidade, xeralmente, teñen unha serie de elementos comúns. A información máis relevante está concentrada no anverso do décimo, como podemos ver na seguinte imaxe. Pola súa banda, no reverso, aparecen datos xeralmente xa sinalados na parte frontal, como o tipo de sorteo, a data ou o resumo de premios, amais dunha serie de instrucións a seguir sobre este xogo. A saber:

1.- O número: a cifra coa que se participa no sorteo.
2.- O título, situado na parte central do décimo, que nos indica o tipo de sorteo.
3.- A data, co día no que se celebra o sorteo.
4.- A sinatura, do presidente de Loterías y Apuestas del Estado, que aparece debaixo do título.
5.- O número do sorteo, sinalado na parte superior dereita, onde aparece o número do sorteo e o ano.
6.- A serie: é cada unha das sucesións de billetes de Lotaría Nacional que participa nun sorteo.
7.- A fracción, refírese ao número identificador de cada un dos décimos que compoñen un billete de Lotaría Nacional, e distíngueo dos demais décimos da mesma serie.
8.- O prezo, que aparece indicado na parte inferior dereita, que corresponde coa cantidade en euros do sorteo.
9.- O código de barras, desde datas máis recentes, situado abaixo de todo, utilízase, unha vez rematado o sorteo, para comprobar se o décimo foi premiado ou non.
10.- A numeración final: son os números que aparece baixo o código de barras e que cumpre cunha función de seguridade.
11.- A infografía: é a ilustración, ou motivo, situado na parte esquerda do décimo.

Os motivos dos décimos de Lotaría e o seu valor informativo

Cada un destes décimos, amais da información que nos facilita sobre o seu uso, como xogo de azar, e sobre as súas características físicas, sobresaen pola importancia dos datos que nos comunican, recollida na infografía ou motivo do mesmo. Os diferentes deseños dos décimos, e a súa posterior impresión, realízanse na Fábrica Nacional de Moneda y Timbre (FNMT).

Nos primeiros sorteos, estes documentos caracterizábanse pola súa humildade e funcionalidade, aínda que, co tempo, comezaron a enriquecerse, por medio de debuxos e imaxes que reflectían as tendencias artísticas do momento, de alta calidade.

Décimo do primeiro sorteo de Nadal da Lotaría Nacional de 1812, en https://historia.nationalgeographic.com.es/a/el-origen-de-la-loteria-en-espana-un-invento-de-carlos-iii_13648

Inicialmente, ao longo do século XIX, os motivos que os adornaban eran, principalmente, orlas e formas decorativas, de gran variedade, ás que se irían engadindo escudos e selos.

Con todo, non sería ata ben avanzado o século XX, aló polo ano 1960, cando cambiou o deseño e comezaron a imprimirse motivos en todos os décimos de lotaría. Así, a partir de entón, decoraranse cun único motivo para cada sorteo, establecéndose series temáticas, xeralmente anuais, facendo chegar a todos os cidadáns aqueles feitos de interese histórico, cultural ou deportivo e social.

Décimo da Lotaría Nacional do ano 1977 cunha imaxe da Torre de Hércules, A Coruña . Colección do MPL (LT-428)

A colección de Lotaría do MPL

Foi trasladada ao departamento de Arqueoloxía/Historia, contida en dous álbums que carecían de datos sobre o seu ingreso, desde o Arquivo do Museo, no ano 2024. Arestora está formada por 505 décimos, da práctica totalidade de sorteos, ordinarios, especiais e extraordinarios, que tiveron lugar entre os anos 1969 e 1977.

No momento no que mercar Lotaría Nacional converteuse nunha tradición xeneralizada entre a poboación, as autoridades déronse conta da súa utilidade como canle de comunicación a través da cal transmitir ideas, tradicións e coñecementos que contribuían a difundir a súa historia e identidade.

Neste sentido, a colección que atesoura o MPL é unha boa mostra disto, xa que está formada por aquelas series temáticas que fan referencia a importantes tradicións, acontecementos deportivos e feitos históricos que, amais da súa labor informativa, son destacables pola súa función propagandística, mais se cabe nun momento da historia española de grandes cambios.

Así, o décimo máis antigo que forma parte da colección, ten data do 6 de marzo de 1967, da serie A escultura española e o seu motivo contén a Dama de Elx, unha das pezas máis destacadas da arqueoloxía que, anos antes, no 1941, nun momento crítico en Europa, regresara ao noso país froito dun intercambio de bens entre o réxime franquista e o goberno francés de Pétain, o que supuxo un “éxito” diplomático.

Décimo do ano 1967 coa efixie da Dama de Elx, o primeiro dos contidos no MPL (LT-1). Colección do MPL.

A nivel deportivo, o ano 1968 foi o dos Xogos Olímpicos en Cidade de México, de verán, e en Grenoble, de inverno, polo que nos billetes emitidos nese ano optouse por incluír unha serie temática onde destacan imaxes de carácter deportivo.

O refraneiro español ten unha grande importancia a nivel cultural, lingüistica e educativa, reflexo da sabiduría popular transmitida de xeración en xeración, a través da cal consérvanse valores, crenzas, normas sociais e experiencias da vida cotiá do pobo. Así, no ano 1969 saíu a serie dedicada a esta temática.

Décimo do ano 1969 cunha imaxe que representa o refrán “Agua pasada no mueve molino” (LT-80). Colección do MPL

Finalmente, a última das series contidas no MPL, do ano 1977, recolle diferentes motivos relacionados coas provincias españolas. Entre todos estes motivos destaca un décimo do día 16 de xullo de 1977 no que aparece representado o claustro do antigo convento de San Francisco, actual sede do Museo Provincial de Lugo.

Este espazo é un dos escasos exemplos de claustros franciscanos medievais da península, realizado no século XV. Conta cunha planta rectangular e cada fronte está formada por tres grupos de arcadas separadas por machóns, cada un deles con tres arcos de medio punto.

Como se aprecia na imaxe, as columnas presentan capiteis con decoración de motivos vexetais, xeométricos, zoomórficos e antropomórficos, no que chama a atención un que contén seis cabezas humanas, entre as que se sitúa a representación dun animal, o que podería referirse aos seis primeiros frades do antigo convento franciscano.

Detalle do décimo do ano 1977 co motivo do claustro do antigo convento de San Francisco, actual Museo Provincial de Lugo. Colección do MPL (LT-409)

A parte superior do claustro é do século XVII, realizada en pedra de cantería regular, por Blas de Barro. No centro atópase o primitivo pozo do convento. Ao longo dos tramos do claustro, exponse unha magnífica colección de reloxos de sol, dos séculos XVI e XVII. Do mesmo xeito é moi destacable a colección de aras, capiteis e placas votivas con epigrafía romana, tardoantiga e medieval, amais de numerosos emblemas heráldicos e sartegos funerarios.

Un espazo que o día 3 de xuño de 1931 foi declarado Monumento Histórico-Artístico, polo que, noventa e catro anos despois, o 3 de xuño de 2025, celebramos este nomeamento, aproveitando para lembrar o seu valor, así como difundir entre a sociedade a colección de Lotaría do MPL. Uns bens que, co tempo, pasaron de simples anacos de papel a pezas cun destacado valor documental e informativo, que permanecen custodiados no departamento de Arqueoloxía/Historia do MPL e que agora saen á luz resultado do traballo de ordenamento e inventariado levado a cabo neste departamento.

Javier Fernández Brage,
Bolseiro da Xunta de Galicia no Departamento de Arqueoloxía/Historia do MPL.

Enlaces de interese

Comparte nas túas redes