COÑECER, COIDAR, COMPARTIR.

Unha rede de museos para o bo vivir

A Rede Museística Provincial de Lugo pon en marcha a actividade «COÑECER, COIDAR, COMPARTIR. Unha rede de museos para o bo vivir», integrada no programa «Museoloxía social: saúde, cultura de paz e bo vivir». Esta proposta concibe o espazo museístico como un lugar de encontro comunitario pensado para a construción de paz e o fomento do benestar físico, emocional e social. A iniciativa convida a tecer lazos coa contorna e cos seus saberes a través de sesións que combinan prácticas de autocoidado corporal, relaxación e mobilidade co descubrimento guiado de pezas e exposicións, alén de promover actividades en rede con diferentes espazos da provincia para gozar da aprendizaxe compartida.

A inscrición debe realizarse a través do formulario que atoparás ao pé desta mesma entrada e as prazas asignaranse por rigorosa orde de solicitude ata completar o aforamento dispoñible. Aquelas persoas que non consigan praza directa quedarán nunha lista de agarda por se se produce algunha baixa. Unha vez confirmada a admisión, cada participante recibirá un correo electrónico coas normas do proxecto, documento que será imprescindible entregar debidamente asinado o primeiro día da actividade.

Tamén che pode interesar

Comparte nas túas redes