A porta fechada
Ana Gil

Dende o 24/04/2025 ao 15/06/2025
Hai portas que non se abren, pero que tampouco acaban de pecharse del todo. Portas que agochan silencios espallados por corredores, retratos familiares que non miran de fronte e paredes que falan só para quen sabe escoitar. “A porta pechada”, a exposición da artista Ana Gil, entra nese territorio íntimo, incómodo e necesario: o do fogar como espazo de submisión e desasosego.
Esta mostra —que poderá visitarse no Refectorio do Museo Provincial de Lugo entre o 24 de abril e o 15 de xuño— recolle o froito dun traballo de investigación que a artista desenvolve desde 2006, e que cristalizou na súa tese doutoral defendida na Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo: O fogar como exilio latente. Aproximación ao espazo doméstico do desasosego na creación artística contemporánea.
“En 2025 cerraré una etapa con una exposición que recopila mi trabajo sobre el espacio doméstico. (…) Con esta muestra cierro un trabajo de muchos años sobre la familia y sus secretos, su doble moralidad y sus costuras de remiendos.”
— Ana Gil
A través desta exposición, Ana Gil propón un peche. Un final. Un círculo que se pecha para deixarnos dentro, como quen queda calado nun comedor onde xa marcharon todos os convidados. Inspirada nunha expresión do ámbito xudicial —“a porta pechada”, usada para aqueles xuízos sen acceso ao público por motivos de moral ou orde—, a mostra é unha inmersión profunda nas tensións do espazo familiar, nas fisuras da intimidade, na mentira como estrutura e nas capas que recobren a verdade ata facela irrecoñecible.
Non é unha obra autobiográfica, como ela mesma insiste, senón o resultado dunha ollada que observa o real sen adornos, recollendo os ecos de tantas familias, tantas casas, tantos silencios compartidos que conforman o tecido da nosa vida cotiá.
A porta pechada forma parte do programa (Re)coñecer, (Re)presentar, (Re)distribuír da Rede Museística Provincial de Lugo, e conta co agradecemento expreso da artista a Encarna Lago, xerente da RMPL, e a Alexandra R. Rey, coordinadora do proxecto.