Día Internacional das Mulleres Rurais 2024

no Museo Provincial de Lugo

O 15 de outubro foi a data establecida en 2007 pola Asamblea Xeral da Organización de Nacións Unidas para a celebración do Día Internacional da Muller Rural co fin de conseguir a igualdade de xénero e o empoderamento da muller rural, así como de recoñecer o seu labor no desenvolvemento das súas comunidades e no coidado do medio ambiente e da biodiversidade.

Desde o Museo Provincial de Lugo querémonos unir a esta iniciativa e poñer en valor o papel fundamental que a muller rural desempeñou e desempeña na historia de Galicia. Para iso, traemos a colación a obra Retrato de aldeá, do artista Leopoldo Villamil García de Paredes.

Trátase dun óleo sobre lenzo no que se representa a unha muller sentada, coas mans descansando no colo e a mirada perdida, como se estivese absorta nos seus pensamentos. Porta a vestimenta tradicional galega, co pano da cabeza, o manto cruzado no peito e os pendentes. O seu rostro pensativo e as mans contrastan co fondo escuro do lenzo, convidando ao espectador a levar a mirada cara elas. Neste sentido cómpre salientar o tratamento das mans, ferramentas de traballo por excelencia da muller rural, que se presentan coas veas marcadas e repousando sobre o mandil.

Retrato de aldeá
Ca. 1841-1885

Leopoldo Villamil García de Paredes
(Ourense 1841-Lugo 1885)

Óleo / lenzo

Enlaces de interese

Comparte nas túas redes