A Rede Museística e o Pazo de Tor celebran o seu dobre aniversario

20 anos tecendo xuntos

Este ano marca un fito fundacional: cúmprese o 20º aniversario da creación da Rede Museística Provincial de Lugo e do Pazo de Tor. Para conmemorar estas dúas décadas de percorrido, toda a programación de actividades de verán deseñouse co obxectivo de dar o máximo protagonismo a este dobre aniversario, converténdoo no eixo central da axenda institucional.

Como parte desta conmemoración, o 9 de xullo ás 10:00 horas, o propio Pazo de Tor acollerá unha sesión do seminario “Museos, educación histórica y cultura democrática: Retos sociales desde la interseccionalidad crítica”. O encontro centrarase no relatorio “La Red Museística de Lugo. Un ejemplo de buenas prácticas desde una museología social y transformadora”, presidido por Cosme J. Gómez Carrasco da Universidad de Murcia, e coas intervencións de Ana Moreno Rebordinos do Museo Nacional del Prado, Rufino Ferreras Marcos do Museo Nacional Thyssen-Bornemisza e José Manuel Rey García do Servizo de Museos do Concello de Vigo.

Os actos centrais do aniversario continuarán o 12 de xullo ás 19:00 horas, cando a contorna do Pazo de Tor sirva de escenario para a representación da obra de Castelao “Os vellos non deben de namorarse”. A Asociación Cultural e Folclórica Os de Algures executará esta posta en escena, reproducindo o vestiario a partir dos debuxos do autor e respectando as súas indicacións sobre escenografía, movementos, uso de máscaras e músicas tradicionais. O acceso a este evento teatral será gratuíto e libre ata completar o aforo.

Engadíndose a estas datas sinaladas dentro das celebracións, o sábado 18 de xullo o Pazo de Tor será a sede do encontro “Sagra Forma” có actor Sergi López. Este evento abarcará conversas, un taller e proxeccións. O programa comezará cunha sesión de 11:00 a 14:00 horas centrada nunha conversa sobre a súa traxectoria, reflexións e inquietudes, seguida dun horario establecido para a comida de 14:00 a 16:00 horas.

Para completar esta programación dedicada ao vinte aniversario, desenvólvese o programa “Escola, Cultura e Territorio: Verán na Rede Museística”. Ao longo dos meses de xullo e agosto, os catro centros da rede ofrecerán obradoiros participativos para todas as idades. A participación require inscrición previa a través do correo electrónico concertacionsrmp@gmail.com.

Ademais, durante estes mesmos meses de xullo e agosto e como parte das celebracións do aniversario, ofreceranse catro visitas guiadas en todos os museos da rede. Os percorridos terán lugar de martes a venres coas quendas de mañá ás 11:00 e 12:30 horas, e as quendas de tarde ás 16:30 e 18:00 horas. Para asistir a estas visitas será necesaria a concertación previa a través do correo electrónico concertacionsrmp@gmail.com, agás no caso do Pazo de Tor, onde as reservas xestionaranse como vén sendo habitual vía telefónica (982 165 534) ou no sistema de reservas da web.

Comparte nas túas redes