Castelao:

Raices migrantes

Este ano, conmemorando o 75 cabodano de Alfonso R. Castelao, a Rede Museística Provincial de Lugo organiza unha serie de actividades, exposicións, xornadas e conferencias honrando a memoria do célebre autor, artista e político galego.
Así, presentamos os obradoiros “CASTELAO: Raíces Migrantes” nos catro museos da Rede Museística Provincial de Lugo (Museo Provincial de Lugo, Museo Provincial do Mar, Museo Pazo de Tor e Museo San Paio de Narla) para que todas as persoas interesadas e familiar con historias migrantes se anoten. Trátase dun ciclo de obradoiros para explorar a figura de Castelao desde a perspectiva das migracións, conectando a súa vida, obra e pensamento coas historias migratorias das nosas familias.
Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, nado en Rianxo o 29 de xaneiro do 1886 e finado no exilio en Bos Aires (Arxentina) o 7 de xaneiro de 1950, viviu en primeira persoa os efectos da emigración. Cando tiña tres meses de vida, o seu pai emigrou á Arxentina e foi criado especialmente polos seus avós maternos Teresa e José Ramón. A finais de 1895, cando Daniel tiña 11 anos emigrou coa súa nai para ir vivir co seu pai como moitas outras familias galegas da época que buscaban mellores oportunidades. Noano 1900 a familia decide volver para que Daniel estude medicina en Compostela. Desde o ano 1940 Castelao vive exiliado na Arxentina. Esta experiencia de vida marcou a súa sensibilidade cara temas migrantes.
A emigración é un tema recorrente na súa obra, reflectida a través de:
– Debuxos e gravados: os seus retratos e caricaturas, especialmente en obras como Os emigrantes, amosan a dureza das condicións de galegas/os no estranxeiro e o impacto que esta separación tiña nas familias.
– Literatura: nos seus escritos, como Sempre en Galiza, apréciase unha constante preocupación pola diáspora galega, a morriña e a loita por manter a identidade cultural a pesar da distancia.
De esta maneira, Castelao dedicou gran parte da súa vida a exaltar e defender a cultura galega. Na súa obra buscou conectar aos galegos da diáspora coa súa terra, mantendo vivos os lazos culturais e emocionais. A través da súa arte e pensamento deu voz ás persoas migrantes, amosando as consecuencias da migración: as familias divididas, a soidade e as dificultades en terras afastadas e a fortaleza e a resiliencia dos que marchaban e dos que quedaban.

Aínda que se centrou en Galicia, a obra de Castelao ten unha mensaxe universal sobre o fenómeno migratorio: a procura dun futuro mellor e os sacrificios humanos que isto implica. Isto conecta as súas reflexións cos movementos migratorios de calquera tempo e lugar. Esta conexión entre Castelao e a emigración convérteo nunha figura ideal para traballar temas migratorios en obradoiros como os propostos pola RMPL durante decembro de 2024 e xaneiro de 2025.

INSCRICIÓNS: comunidadermp@gmail.com (Prazas limitadas)

IMPARTE: Alexandra R. Rey (artista plástica, xestora cultural e deseñadora gráfica).

Tamén che pode interesar

Comparte nas túas redes