Conserva de Memori(as): 21 S(empre)

O 21 de setembro é o Día Mundial do Alzheimer, unha data na que se visibiliza a loita diaria de todas aquelas persoas que padecen esta enfermidade e a dureza do proceso para as familias, que ven como se vai borrando a memoria e a esencia das persoas que queren. O Alzheimer é a patoloxía de maior impacto do século XXI. Segundo a OMS, afecta a 50 millóns de persoas, unha cifra que se estima podería chegar aos 150 millóns no 2050. Aínda así, seguimos precisando dun día ao ano para visibilizala, desestigmatizala e reclamar unha atención temperá, específica e digna para os enfermos, así como a axuda necesaria para os seus coidadores. O lema escollido pola Confederación Española de Alzheimer e outras demencias para o 21 de setembro de 2024 é “Somos específic@s”, co que se pretende concienciar e esixir ás administracións o recoñecemento da singularidade de cada demencia, cunha atención e tratamento específico para cada caso.

A RMPL leva 21 anos colaborando neste ámbito co tecido asociativo e asistencial a través do Programa de Memoria Compartida, hoxe denominado “Conserva de Memori(AS)”. Actualmente, pode visitarse no Museo Provincial do Mar de San Cibrao a exposición “Memorias en lata”, elaborada polos usuarios das asociacións de familiares de enfermos de Alzheimer e outras demencias da Mariña, AFAN Burela e AFA Viveiro. Trátase dunha actividade na que quixemos gardar en conserva aquilo que máis valor ten para eles e tamén para nós: os recordos e sentimentos de toda unha vida.

Desde a RMPL, queremos estender o 21 de setembro a todos os días do ano coa iniciativa “21 S(empre)”, na que 21 artistas da Mariña, ou vencellados a ela, se achegarán ao Alzheimer a través dunha linguaxe tan poderosa como a arte, plasmando a súa reflexión nunha bolsa de tea. Para este proxecto contamos coa implicación de Caxigueiro, Juanel, Celso Dourado, Mauro Leivas, Martín Lestao, Belén Mogo, Neira Brochs, Chus Lage, Carmen Llonín, Ignacio Castro “Nachok”, Galiensoup, Lu Vila, Julián Bouza, Alicia Puchades, Carmen Porteiro, Pedro Cabarcos, María Martín, David Catá, H. Xeada, Laura Díaz e coa redeira Mª Jesús Alonso López. Ás súas obras sumaremos unha peza colectiva realizada polo alumnado do IES Alfoz-Valadouro, coordinado por Paz Quiroga. Con este proxecto queremos visibilizar a presenza do Alzheimer e doutras demencias na vida cotiá de moitas persoas que nos rodean, así como a axuda que precisan e o imprescindible labor que asociacións como AFAN Burela e AFA Viveiro realizan tanto no ámbito terapéutico dos enfermos como no apoio ás familias dos coidadores.

A presentación das obras terá lugar o 21 de novembro cunha exposición no Museo do Mar de San Cibrao, que posteriormente será itinerante.

Enlaces de interese

Tamén che pode interesar

Comparte nas túas redes