
1.O pole da diversidade: “Soterradas”, para aprender a mirar e escoitar as desigualdades.
Destinatarios: Educación Infantil, Primaria, ESO e Bacharelato
Partindo dos fondos expostos, traballaremos as desigualdades cunha mirada interseccional de xénero, ciclos de vida, clase… cunha metodoloxía adaptada a cada idade. Partiremos de “Soterradas”, un proxecto que busca visibilizar os relatos esquecidos ou ignorados, como os das mulleres da servidume que, co seu traballo, posibilitaron a vida dos señores do pazo.
2.Travesía pola historia a través dos catro museos da RMPL.
Destinatarios: Educación Infantil, Primaria, ESO e Bacharelato
A historia e historias gardadas tralas pezas das nosas coleccións, facilitaranlle ó alumnado novas perspectivas e ferramentas para debullar o presente a través das pegadas do pasado. Saber dos camiños andados, permitirannos analizar opcións e oportunidades para trazar novos rumbos para a nosa cultura.
3.Aprender a mirar, aprender a escoitar: Cores e técnicas polo museo.
Destinatarios: Infantil, Primaria, ESO e Bacharelato
A arte é unha linguaxe poderosa, que comunica e transmite cun código propio: a cor, a composición, a luz, temática, formatos e materiais. Ler un cadro quere tempo. Hai que aprender a mirar todos estes elementos en conxunto.
Esta unidade didáctica propón ao alumnado deterse ante as obras e a paisaxe do Pazo de Tor para descubrir os simbolismos e significados da cor: as emocións que expresa, as sensacións que espertan en nós, as técnica empregadas e o relato que nos quere contar.
O profesorado como axente polinizador
A programación non remata coa visita. Queremos establecer unha relación de colaboración co profesorado para que cada experiencia poida ter un antes e un despois na aula.
- Antes da visita: unha pregunta, imaxe, obxecto ou pequeno reto para activar a curiosidade.
- Durante a visita: observación, diálogo, investigación, experimentación e creación.
- Despois da visita: unha proposta de continuidade que permita levar o «pole» recollido no museo ao centro educativo.
O profesorado convértese así nun axente fundamental da polinización cultural e do coñecemento entre museo, escola, familias e territorio.
Unha programación aberta, inclusiva e accesible
Todas as propostas parten do principio de que non existe unha única maneira de aprender, mirar, comunicarse ou participar. As actividades procurarán ser flexibles e adaptables ás necesidades dos grupos, incorporando diferentes linguaxes, ritmos, capacidades e formas de relación co patrimonio.
A accesibilidade non será entendida como unha adaptación posterior, senón como un principio desde o que deseñar as experiencias educativas. Porque unha colmea diversa é unha colmea máis forte.
Avaliación
A avaliación terá carácter participativo e servirá para mellorar as propostas ao longo do curso. Teranse en conta:
- participación do alumnado
- implicación do profesorado
- capacidade das actividades para xerar preguntas
- conexión entre museo e currículo
- aprendizaxes e experiencias xeradas
- continuidade das propostas nos centros
- accesibilidade e inclusión
- valoración dos equipos docentes
- retroalimentación entre comunidade docente e museo
Pregunta de peche: «Que pole levades do museo?»
Unha palabra, unha pregunta, unha emoción, unha idea ou un compromiso serán tamén indicadores da pegada deixada pola experiencia.
A colmea que queremos construír
Esta programación non pretende ensinar unicamente que é unha peza arqueolóxica, quen pintou un cadro ou en que século foi creado un determinado obxecto. Queremos ir máis alá.
Queremos aprender a mirar o que temos diante e aprender a escoitar o que outras persoas teñen que dicir: Aprender a coñecer. Aprender a facer. Aprender a vivir xuntos. Aprender a ser.
Queremos que unha peza nos leve a unha persoa; que unha persoa nos leve a unha historia; que unha historia nos leve ao territorio; e que o territorio nos leve a nós mesmos e á responsabilidade de coidalo.
Porque patrimonio non é unha herdanza caduca do pasado, senón un vínculo vivo que nos une que temos que coidar xuntos cada día para poder compartilo no futuro.
Contacto e Reservas
Para coordinar as visitas, solicitar orientación pedagóxica ou tramitar a concertación das actividades escolares, o profesorado e os equipos directivos poden escribir directamente ao correo electrónico concertacionsrmp@gmail.com.

