1. O POLE DA DIVERSIDADE:Aprender a mirar, aprender a escoitar as desigualdades.

Destinatarios: Educación Infantil, Primaria, ESO e Bacharelato.

Non todas as flores son iguais. Non todos os territorios ofrecen os mesmos recursos. Precisamente por iso, a diversidade resulta imprescindible. Como as abellas, aprenderemos a procurar a riqueza na diferenza a prol da convivencia e do ben común.

Palabras pole: igualdade · diversidade · dereitos · inclusión · comunidade

 

  1. Aprender a mirar, aprender a escoitar: Da guía postal de Lugo de Maruja Mallo á Escola de Doloriñas de Julia Minguillón.

Destinatarios: Educación Infantil, Primaria, ESO e Bacharelato

A partir dos fondos expostos relacionados con Maruja Mallo e Julia Minguillón, traballaremos a cidade, a escola, a fotografía, a memoria e as transformacións sociais. A observación das obras permitirá relacionar o patrimonio artístico coa historia de Lugo e cos cambios no territorio e na sociedade.

Palabras pole: territorio · fotografía · memoria · escola · transformación

 

  1. Aprender a mirar, aprender a escoitar: Tempora mutantur. Aprender a mirar o paso do tempo

Destinatarios: Infantil, Primaria, ESO e Bacharelato

Os obxectos tamén envellecen, as cidades cambian e as persoas mudamos. A través das coleccións de reloxos descubriremos as pegadas do tempo e estableceremos relacións entre pasado, presente e futuro.

A partir do 23 de setembro, a exposición temporal de reloxos recentemente doados ao Museo Provincial de Lugo permitirá ampliar o traballo cos fondos permanentes. A exposición será unha oportunidade para observar novas pezas, comparalas coas xa expostas e introducir cuestións relacionadas co tempo, a memoria e a conservación.

Palabras pole: tempo · cambio · memoria · conservación · futuro

 

  1. Aprender a mirar, aprender a escoitar: Do torques á caetra, os testemuños materiais

Destinatarios: Educación Infantil, Primaria, ESO e Bacharelato

Que pode contar un obxecto se aprendemos a miralo e a escoitalo? As pezas arqueolóxicas expostas serán documentos para investigar sociedades que xa non podemos entrevistar. Materia, forma, uso, contexto e conservación converteranse en pistas para reconstruír historias.

Palabras pole: arqueoloxía · investigación · materia · historia · patrimonio

 

  1. Aprender a mirar, aprender a escoitar:  Cores e técnicas polo museo.

Destinatarios: Infantil, Primaria e ESO

Unha aproximación á arte desde a observación dos fondos expostos e á experimentación. Como se constrúe unha cor? Como cambia segundo a luz? E coa escuridade? Que emocións provoca? Aprenderemos técnicas presentes nas coleccións e crearemos novas interpretacións.

Palabras pole: arte · cor · emoción · técnica · creatividade

 

  1. Aprender a mirar, aprender a escoitar : As Lareiras da Rede Museística o corazón do fogar.

Destinatarios: Infantil, Primaria e ESO

As lareiras foron durante séculos espazos fundamentais da vida familiar e comunitaria en Galicia. A través desta proposta achegarémonos á súa importancia cultural e histórica como espazos de reunión, tradición e transmisión de saberes.

Tomaremos como referencia os fondos e espazos conservados no Museo Provincial de Lugo e no Museo de San Paio de Narla, establecendo relacións entre os obxectos expostos, a vida cotiá, a oralidade, as receitas e a memoria, para rematar cunha foliada.

Palabras pole: oralidade · tradición · memoria · comunidade · receitas · foliadas

 

  1. PALABRAS QUE POLINIZAN: Rutas literarias polo museo

Destinatarios: Primaria, ESO e Bacharelato

Literatura e patrimonio atoparanse nos museos. Cada ruta estará baseada nun relato dos libros facilitados a través da páxina da comunidade da RMPL. O alumnado contará cunha folla de ruta para completar no museo.

Os textos servirán para mirar os fondos expostos desde outras perspectivas e establecer relacións entre literatura, lingua, territorio, creación e memoria.

Palabras pole: literatura · lingua · territorio · creación · memoria

 

  1. Aprender a mirar, aprender a escoitar: de viaxe pola Prehistoria

Destinatarios: Infantil, Primaria, Eso e Bacharelato

Unha viaxe para descubrir como vivían as comunidades humanas antes da escritura: que comían, como se relacionaban, que materiais utilizaban e como interactuaban coa coa natureza. As pezas arqueolóxicas expostas permitirán reconstruír modos de vida e achegarse á Prehistoria a partir dos seus testemuños materiais.

Palabras pole: Prehistoria · natureza · territorio · supervivencia · comunidade

 

  1. Aprender a mirar, aprender a escoitar: de viaxe polo Lugo Romano

Destinatarios: Educación Infantil, Primaria, ESO e Bacharelato

«Lugo Romano» é unha actividade que pretende achegar o alumnado a unha etapa fundamental da historia da cidade de Lugo e de todo o noroeste peninsular, desde a instalación do campamento militar romano, pasando pola fundación de Lucus Augusti, ata a plena romanización.

A viaxe polas distintas salas do museo permitirá traballar directamente coas pezas expostas relacionadas co Lugo romano. Unha cidade tamén funciona como unha colmea: persoas, oficios, mercados, vías, crenzas e espazos públicos conformaban Lucus Augusti. Investigaremos as coleccións romanas e as súas pegadas no Lugo actual.

Palabras pole: Roma · cidade · arqueoloxía · sociedade · cidadanía

 

  1. Aprender a mirar, aprender a escoitar: Museo da Migración da RMPL.

Destinatarios: Educación Infantil, Primaria, ESO e Bacharelato

Migracións: persoas, obxectos e historias que viaxan

As persoas sempre migraron. Con elas viaxan saberes e constrúense historias: linguas, receitas, fotografías, músicas, lembranzas, crenzas, obxectos e maneiras de entender o mundo. A partir dos fondos e recursos do Museo da Migración da RMPL, reflexionaremos sobre as migracións históricas e contemporáneas desde unha perspectiva humana e intercultural.

Palabras pole: migración · identidade · memoria · diversidade · pertenza

 

O profesorado como axente polinizador

A programación non remata coa visita. Queremos establecer unha relación de colaboración co profesorado para que cada experiencia poida ter un antes e un despois na aula.

  • Antes da visita: unha pregunta, imaxe, obxecto ou pequeno reto para activar a curiosidade.
  • Durante a visita: observación, diálogo, investigación, experimentación e creación.
  • Despois da visita: unha proposta de continuidade que permita levar o «pole» recollido no museo ao centro educativo.

O profesorado convértese así nun axente fundamental da polinización cultural e do coñecemento entre museo, escola, familias e territorio.

Unha programación aberta, inclusiva e accesible

Todas as propostas parten do principio de que non existe unha única maneira de aprender, mirar, comunicarse ou participar. As actividades procurarán ser flexibles e adaptables ás necesidades dos grupos, incorporando diferentes linguaxes, ritmos, capacidades e formas de relación co patrimonio.

A accesibilidade non será entendida como unha adaptación posterior, senón como un principio desde o que deseñar as experiencias educativas. Porque unha colmea diversa é unha colmea máis forte.

Avaliación

A avaliación terá carácter participativo e servirá para mellorar as propostas ao longo do curso. Teranse en conta:

  • participación do alumnado
  • implicación do profesorado
  • capacidade das actividades para xerar preguntas
  • conexión entre museo e currículo
  • aprendizaxes e experiencias xeradas
  • continuidade das propostas nos centros
  • accesibilidade e inclusión
  • valoración dos equipos docentes
  • retroalimentación entre comunidade docente e museo

Pregunta de peche: «Que pole levades do museo?»

Unha palabra, unha pregunta, unha emoción, unha idea ou un compromiso serán tamén indicadores da pegada deixada pola experiencia.

A colmea que queremos construír

Esta programación non pretende ensinar unicamente que é unha peza arqueolóxica, quen pintou un cadro ou en que século foi creado un determinado obxecto. Queremos ir máis alá.

Queremos aprender a mirar o que temos diante e aprender a escoitar o que outras persoas teñen que dicir: Aprender a coñecer. Aprender a facer. Aprender a vivir xuntos. Aprender a ser.

Queremos que unha peza nos leve a unha persoa; que unha persoa nos leve a unha historia; que unha historia nos leve ao territorio; e que o territorio nos leve a nós mesmos e á responsabilidade de coidalo.

Porque patrimonio non é unha herdanza caduca do pasado, senón un vínculo vivo que nos une que temos que coidar xuntos cada día para poder compartilo no futuro.

Contacto e Reservas

Para coordinar as visitas, solicitar orientación pedagóxica ou tramitar a concertación das actividades escolares, o profesorado e os equipos directivos poden escribir directamente ao correo electrónico concertacionsrmp@gmail.com.

 

Ola 👋
Un pracer coñecerte.

Rexístrate ao noso boletín para recibir contido xenial na túa caixa de entrada, cada mes.

Non enviamos spam! Le a nosa política de privacidade para máis información.