900 ANIVERSARIO DA MORTE DE URRACA DE LEÓN

(León ? 1081 – Saldaña, Palencia 8 de marzo de 1126).

Este 8 de marzo, Día Internacional da Muller, cúmprense 900 anos da morte de Urraca I, raíña de León entre 1109 e 1126. Desde o Museo Provincial de Lugo aproveitamos a dita efeméride para lembrar a posta en valor desta figura histórica que se fixo na exposición “De monetaria galega. Galiza e a súa moeda desde a Antigüidade ata os nosos días”, realizada no MPL entre o 31 de marzo e o 30 de xuño de 2023.

Como se sinala no catalogo da mostra, a raíña Urraca estivo implícita no discurso expositivo de distintos xeitos. Por unha banda, destacouse o seu importante papel na historia e na moeda evidenciando que se trata da primeira muller en ser representada na numismática medieval hispana e, por outra, expuxéronse imaxes do busto-relicario de Santiago Alfeo, cuxo cranio trouxo ela dende Braga en 1116 (Vid. BALSEIRO GARCÍA, A., NÚÑEZ MENESES, P. e ROMA VALDÉS, A. (2023): De monetaria galega. Galiza e a súa moeda dende a Antigüidade ata os nosos días, pp. 11, 15 e 38).

Urraca Alfónsez foi filla de Afonso VI e de Constanza de Borgoña, e nai do monarca Afonso VII, que a sucedeu. Tralo seu matrimonio con Raimundo de Borgoña pasou a ser condesa de Galicia, territorio co que estivo estreitamente vinculada e no que a súa figura perdurou durante séculos na memoria colectiva. En 1109 ascendeu ao trono de León, converténdose nunha das poucas mulleres na historia de España en exercer como raíña
de pleno dereito. Tralo seu falecemento, foi soterrada no Panteón de Reis de San Isidoro de León.

Enlaces de interese

Descarga en PDF

Tamén che pode interesar

Comparte nas túas redes