95 Aniversario da declaración do claustro do MPL como monumento histórico artístico

Este 3 de xuño cúmprense 95 anos da declaración do claustro do Museo Provincial de Lugo como Monumento Histórico Artístico (actualmente Ben de Interese Cultural) e, co gallo desta efeméride, amosamos os traballos de modificación e actualización do discurso expositivo da sala capitular recentemente realizados. Este proxecto desenvolveuse dentro do Plan de mellora do claustro, que se iniciou en 2025 coa consolidación e rehabilitación dos paramentos leste e oeste e a renovación museográfica da ala oeste.

A través da reparación de enlucidos e cintados, así como da substitución dos módulos soportantes das pezas, procedeuse á mellora da estética museográfica do conxunto, cuxa última remodelación fora no ano 2011. Con esta intervención completáronse as actividades sobre o claustro (IX Xornadas de divulgación científica do patrimonio arqueolóxico lucense: A memoria da pedra. O claustro do Museo Provincial de Lugo e as coleccións que alberga e a exposición que aínda está dispoñible no citado espazo conventual: “Patrimonio material e inmaterial do claustro do Museo Provincial de Lugo”) realizadas durante 2026.

Na renovada sala capitular do MPL expóñense 23 pezas: 20 epígrafes romanos, dúas estelas anepígrafas e unha basa con fragmento de fuste. As inscricións romanas, contextualizadas temporalmente entre os séculos I e IV d. C., corresponden a 16 aras, dúas estelas funerarias e dúas placas coa inscrición fundacional da cidade de Lucus Augusti, dedicadas a Roma e a Augusto polo senador romano Paullus Fabius Maximus, gobernador da provincia Hispania Citerior entre os anos 4 e 1 a. C. e fundador da cidade lucense e de Bracara Augusta.

Sala capitular antes:

Sala capitular agora:

Enlaces de interese

Tamén che pode interesar

Comparte nas túas redes