Día Internacional das Familias no Museo Provincial de Lugo
Cada 15 de maio celébrase o Día Internacional das Familias, efeméride establecida en 1994 pola Asamblea Xeral das Nacións Unidas co fin de concienciar sobre a importancia das familias na educación e no desenvolvemento dos nenos e nenas, así como de reflexionar sobre o impacto que os procesos económicos, demográficos e sociais causan neste núcleo da sociedade.
Tamén na historia da arte a familia ocupa un lugar relevante, protagonizando representacións que van desde o tema iconográfico familiar por excelencia, a Sagrada Familia, ata os retratos familiares realizados por encargo da monarquía, nobreza ou burguesía; sen esquecer as representacións que os propios artistas facían da súa parentela. Así pois, desde o Museo Provincial de Lugo queremos celebrar esta efeméride amosando aquelas obras das nosas coleccións que presentan unha temática relacionada coa familia.
Unha das representacións máis antigas que se conservan no museo atópase na estela funeraria de Crecente, en cuxa parte superior se pode ver un grupo familiar composto por unha figura masculina, situada de pé, dúas mulleres sedentes e, no colo dunha delas, un neno. O epígrafe da peza da conta dos lazos familiares da defunta á que está dedicada, Apana, filla de Ambolo e irmá de Apano, quen manda realizar a estela na súa honra.
Outro conxunto familiar que se atopa representado en obras do MPL é o conformado pola Virxe María, San Xosé e o Neno Xesús, como sucede na Sagrada Familia que se expón na sala 4, unha peza anónima de pintura flamenga datada no s. XVIII.
Esta familia bíblica tamén é a protagonista de escenas como a Natividade, da que destaca unha pintura italiana dos ss. XV-XVI, depositada polo Museo Nacional do Prado, que se amosa na sala 4, ou a Adoración dos Reis Magos, que no MPL se pode ver en representacións tanto pictóricas como escultóricas, como é o caso dun fragmento de baldaquino gótico procedente da igrexa de Santa María de Fragas (Campo Lameiro, Pontevedra) exposto no claustro.
Dentro das representacións familiares é habitual atopar retratos realizados por encargo. Neste sentido cabe mencionar a obra María Cristina de Habsburgo Lorena e Alfonso XIII neno, do artista valenciano Francisco Domingo Marqués, que se ben non se trata dunha peza institucional pintada por encarga, foi pintada a partires dos bosquexos e apuntamentos que o artista tomou durante a súa estadía nas estancias reais mentres cumpría coa encomenda de retratar ao futuro monarca.
No cadro pode verse a un Alfonso XIII neno sentado no colo de súa nai, conformando unha escena maternal e íntima que se complementa coa presenza, na parte superior da obra, doutra nai co seu fillo, neste caso, a Virxe co Neno.
A idea da maternidade tamén está presente noutras obras do MPL, como sucede na Maternidade de Manuel Colmeiro, cuxas figuras protagonistas son unha nai acompañada polas súas fillas, ou no Grupo aldeán pintado por María del Carmen Álvarez de Sotomayor, susceptible de ser interpretado como a imaxe dunha nai situada tralos seus dous fillos.
Outras familias representadas nas coleccións do museo dan conta do interese dos e das artistas por plasmar diferentes realidades familiares, así como por facelo por medio de distintas técnicas e linguaxes artísticas. Así, Alfonso D. Rodríguez Castelao empregou a súa técnica predilecta, o debuxo, para realizar a obra Cego e a súa familia, na que se pode ver a un home invidente -personaxe moi recorrente na súa produción artística- franqueado pola súa muller e fillos mentres sostén nas mans un instrumento musical, o seu medio de traballo
Por outra banda, Julia Minguillón reflectiu a realidade dunha Familia xitana pintando a un grupo familiar de catro integrantes a carón dunha carruaxe, elemento que fai referencia ao seu estilo de vida nómade e itinerante.
Cabe mencionar tamén a Familia ao cadrado de Blas Lourés, na se emprega unha linguaxe cubista para representar a unha familia de tres membros que semellan fusionarse nun todo por medio dunha sorte de aperta xeométrica.
Por último, cómpre destacar os retratos que as e os artistas fixeron das súas propias familias. Así por exemplo, o pintor lucense Leopoldo Villaamil pintou a seus pais e a seu irmán en senllas obras que se expoñen na sala 12 do MPL, mentres que Julia Minguillón se retratou coa súa parentela no cadro A miña familia. Nesta obra, a pintora lucense represéntase de costas ao espectador, axeonllada en tanto que pinta un lenzo no que retrata a seus pais e a seus irmáns. A carón dela, acompañándoa no seu quefacer, atópanse o seu marido, a súa cuñada e o seu animal de compañía, a cadela Tila; conformando unha das máis senlleiras estampas familiares da arte galega.
Dirección e Negociado de Coleccións do Museo Provincial de Lugo
VGS