Día Internacional dos Arquivos 2025 no MPL

O 9 de xuño de 2025 celebramos o Día Internacional dos Arquivos e dende o Arquivo do Museo Provincial de Lugo sumámonos tamén á conmemoración dos 25 anos da declaración da Muralla Romana de Lugo como Patrimonio da Humanidade.

O AMPL custodia entre os seus fondos de carácter público/administrativo abundante documentación relativa á Comisión Provincial de Monumentos Históricos y Artísticos de Lugo, cuxo labor foi a defensa e o estudo da riqueza artística da provincia, destacando este senlleiro monumento.

Nun documento fechado o 30 de outubro de 1940, o presidente da Comisión e director do MPL, Luis López Martí, expoñía “Que por ser las Murallas de Lugo, un Monumento declarado Nacional, considerado por lo tanto como Monumento Histórico-Artístico, es preciso que se atienda en todo momento a su mejor conservación evitando cuantas acciones puedan deteriorarlo o perjudicarlo…”

Por este motivo, o seu mantemento e coidado será obxecto de numerosas intervencións por parte da Comisión, informando sobre aspectos como derrubes, reparación de cubos, actos vandálicos, obras ilegais, eliminación de alpendres e todo tipo de actuacións que o poidan afear ou danar como, por exemplo, a colocación de transformadores e postes para o subministro eléctrico, que serían instalados trala chegada do alumeado público eléctrico á cidade, en decembro do ano 1894.

O 13 de xaneiro de 1941 a Xefatura Provincial de Sanidade e o administrador da empresa subministradora Barras Eléctricas Galaico-Asturianas instan á Comisión a que acorde o que vexa máis oportuno sobre a instalación dun novo poste e transformador na porta do Bispo Odoario, tal como se observa no documento e no debuxo, que daría luz ao Hospital de Santa María e ao Instituto Provincial de Sanidade.

Cara o ano 1942 a Comisión ten acordado, e insta ao concello, a ir eliminando pouco a pouco os postes e palomillas para dar paso subterráneo a liñas eléctricas. Amosamos tres fotografías do fondo persoal de Trapero Pardo onde se observan ditos postes.

Será en 1953 cando a Comisión requira a supresión total dos postes instalados nos paseos altos da muralla, feito que se levará a cabo na década dos anos 70.

BGF. Arquivo do MPL.

Enlaces de interese

Tamén che pode interesar

Comparte nas túas redes