Día do libro 2026
Biblioteca do Museo Provincial de Lugo

A celebración do Día do Libro remóntase a principios do século XX, concretamente a 1926. A data escollida, 23 de abril, vincúlase ao falecemento, en 1616, de Cervantes e Shakespeare, amén do nacemento doutros eminentes escritores.
Por este motivo, a Conferencia General da Unesco elixiu esta data para render unha homenaxe mundial ao libro e aos seus autores, e alentar a todos, en particular á mocidade, a descubrir o pracer da lectura e respectar a contribución dos creadores ao progreso social e cultural.
A idea orixinal desta festividade partiu de Cataluña, do escritor valenciano Vicente Clavel Andrés, propoñéndolla á Cámara Oficial do Libro de Barcelona en 1923 e sendo aprobada polo rey Alfonso XII en 1926. Foi en 1995 cando o Día do Libro se converte en Festa mundial, despois de que fora proposto polo goberno español á UNESCO, proclamándose esta xornada como Día Mundial do Libro e do Dereito de Autor.
O éxito desta iniciativa e a creación de actividades sobre os libros vai depender, fundamentalmente, do apoio que reciba dos medios interesados (autores, editores, libreiros, educadores, bibliotecarios, entidades públicas e privadas, organizacións non gobernamentais, medios de comunicación, etc.) mobilizados en cada país.
Mais, se algo debemos festexar este ano 2026, é o Centenario do Día do Libro; cúmprense cen anos desde a firma do Real Decreto de 6 de febreiro de 1926 que instaurou oficialmente a festa do libro, consolidándose como un dos eventos culturais máis universais.
Diferentes xeitos de celebrar este día lévanse a cabo para facer del un evento solidario, alegre e festivo, e boa parte das actividades fomentan a lectura co obxectivo de lograr o acceso á cultura a través dos libros.
Feita esta loanza acerca desta festa tan próxima a moitos de nós, centrarémonos agora na propia evolución do libro pero sen esquecer que é “a expresión do pensamento humano transmitido a través dun sistema de escritura realizada sobre unha materia duradeira e transportable”. A pesar de poder tratar esta evolución desde moitos campos, falaremos aquí das materias escriptorias, dos soportes.
A primeira materia que se empregou foi a arxila, fundamentalmente en Mesopotamia, e poida que fose porque non había nin pedra nin madeira en abundancia. Levaba o nome de táboa; tan só os documentos valiosos se gravaban en pedra ou en metais preciosos. As pranchas de arxila eran rectangulares e utilizaban un estilete acabado en punta para facer os textos, sendo estes moi apertados e xeralmente dispostos en columnas.
Na cultura exipcia será o papiro a materia máis utilizada, trátase dunha planta moi abundante nas beiras do río Nilo. De estrutura delgada, sección triangular e varios metros de altura, contiña no seu interior uns filamentos envoltos nunha substancia viscosa que se colocaban moi xuntos sobre unha táboa, superpoñéndose ata conseguir un grosor axeitado para poder traballar sobre el.
Outra materia utilizada foron os pergameos, que se fabricaban comunmente con peles de carneiro, cabra ou tenreira e se marcaban en cal para logo quitarlles o pelo e pulilas con pedra pómez.
Falaremos por último do papel, que no século XV pasará a ser a materia escriptoria por excelencia. Fabricábase con trapos de liño e cordas de cáñamo, que se reducían a láminas por medio de presión e logo se secaban. Esta técnica foise perfeccionando e o resultado cubríase con cola para que non embebese a tinta, conseguindo así un aspecto liso.
Vista a evolución dos soportes ata aquí descritos, a realidade a día de hoxe é que a xente aínda que segue lendo en papel, malia que as novas tecnoloxías van gañando terreo e as tendencias apuntan a un lector que se informa por medios dixitais.
Biblioteca do MPL/BPS


