“Conocer, cuidar, compartir. Una red de museos para el buen vivir”
Nova publicación sobre a RMPL na revista PH

Recentemente publicouse o artigo “Conocer, cuidar, compartir. Una red de museos para el buen vivir” no número 118 da revista PH do Instituto Andaluz do Patrimonio Histórico, editado neste mes de xuño de 2026. Este traballo, asinado pola xerente da institución, Encarna Lago González, xunto con Cristina Alonso Barreiro, Stephanie Cubides Martínez e Leonardo Casado, inscríbese na sección de proxectos e experiencias.
O texto reflexiona sobre a evolución da institución museística, que transcende a simple conservación e exhibición para converterse nun espazo facilitador do benestar comunitario a través de experiencias vencelladas ao patrimonio. O modelo de xestión articúlase arredor do concepto do “bo vivir” ou sumak kawsay, fundamentado nunha forma de vida que busca o equilibrio e a harmonía social, a sustentabilidade e o respecto pola diversidade. Para logralo, as políticas aplicadas céntranse en tres principios reitores: coñecer o territorio dende a escoita activa e a interseccionalidade, coidar ás persoas garantindo a accesibilidade física, cognitiva e sensorial, e compartir saberes mediante un intercambio horizontal.
A publicación destaca tres grandes fitos do traballo integrador levado a cabo na provincia. En primeiro lugar, subliña a colaboración sostida dende o ano 2000 co colectivo de persoas con discapacidade, un proceso que garantiu a progresiva accesibilidade aos espazos culturais e que culminou coa inclusión directa de persoas do colectivo no cadro de persoal da entidade. En segundo termo, exponse o labor desenvolvido coa poboación migrante, reflectido en proxectos de mapeo colaborativo como a Cartografía da acollida de 2025 e a inauguración oficial do Museo da Migración, iniciativas orientadas a recuperar historias e fomentar o diálogo intercultural. Finalmente, ponse en valor o proxecto Ioga e arte en rede, iniciado en 2023, que integra a corporalidade, a contemplación e a mediación nas salas do Museo Provincial de Lugo para promover a saúde e a resignificación do espazo museístico dende o coidado.


