Mulleres de Gaza
Mulleres de Gaza
Exposición de Nour e Anwar Abu Rayan

Dende o 28 de setembro ao 30 de outubro
A museoloxía social constitúe o eixo fundamental sobre o que traballa a Rede Museística Provincial de Lugo, entendendo os museos como espazos vivos, abertos á reflexión crítica, á defensa dos dereitos humanos e á implicación activa coa realidade social e comunitaria. Baixo esta filosofía de museo comprometido e transformador, a sala de exposicións da Deputación de Lugo acolle do 28 de setembro ao 30 de outubro a mostra «Mulleres de Gaza», unha iniciativa que se enmarca dentro da celebración do 20 aniversario da Rede Museística Provincial de Lugo.
A arte convértese así na linguaxe que colle o testemuño das palabras cando estas non son quen de definir con exactitude o que queremos expresar, permitindo comunicar todo o que, doutro modo, resulta inabarcable. A exposición está composta por vinte cadros, vinte escenas de vida errante e resistencia, de dor e morte, e do desgarro dun xenocicio que non cesa. Trátase de pinturas que narran a vida cotiá dunha poboación asediada por terra e aire, un día a día de morte e dor que as irmás palestinas Nour e Anwar Abu Rayan retrataron armadas de pinceis e cores contra un exterminio que viviron dende a veciña Cisxordania, conectadas por outras tantas violencias vividas en primeira persoa coas mulleres retidas e masacradas na Franxa. A través de obras como Cenizas de Vida, Resistencia Frente al Genocidio, El Grito de Gaza ou El Camino del Desplazamiento, as artistas contan a historia de mulleres coma elas, habitantes de Gaza e parte dunha Palestina que segue a mirarnos directamente aos ollos, incluso cando hai tempo que xa non atopa grandes espazos dende os que ser contada.
Esta proposta chega a Lugo da man da Coordinadora Galega de ONGD, grazas ás organizacións Asemblea de Cooperación pola Paz e a súa parceira nos territorios ocupados, o Psychosocial Counseling Center for Women (PSCCW), ambas as dúas depositarias da obra de Nour e Anwar Abu Rayan e encargadas de facilitar a súa exposición. O PSCCW é unha organización palestina que traballa con mulleres e familias que viven as consecuencias máis duras da vulneración de dereitos, a ocupación e as violencias, mentres que Asemblea de Cooperación pola Paz aposta por unha cooperación solidaria, transformadora e comprometida orientada a protexer a poboación civil e apoiar iniciativas que promovan a dignidade e a igualdade. Pola súa banda, a Coordinadora Galega de ONGD traballa dende Galicia para construír un modelo de cooperación transformadora baseado no desenvolvemento sustentable e no enfoque feminista e de dereitos humanos.
Logo de pasar polo Centro Sociocultural do Castiñeiriño, arroupada pola comunidade veciñal deste barrio de Santiago como parte do programa Compostela máis Solidaria, a mostra atopa no vixésimo aniversario da Rede Museística Provincial un marco idóneo para reafirmar o papel dos museos como ferramentas de transformación social, convidando a cidadanía lucense a achegarse a unha realidade que nos chama a non mirar para outro lado.


