A Gastronomía dende o prisma da Rede Museística Provincial de Lugo

Encontro de Saberes Compartidos

A Rede Museística Provincial de Lugo presenta dentro do programa “Cultura que coida e que dá luz”, un novo “Encontro de Saberes Compartidos”, chamado “A Gastronomía dende o prisma da Rede Museística Provincial de Lugo” 

A gastronomía enténdese aquí como un potente conector de sociedades, unha ferramenta de cohesión que promove o bo vivir e un idioma universal con forte identidade local. Ao longo de dous días, analizaremos os fluxos migratorios e comerciais que configuraron o que hoxe comemos.

As xornadas contan cun aforo limitado que se completará por riguroso orde de inscrición, que debe realizarse previamente a través do correo concertacionsrmp@gmail.com

Viaxes de ida e volta. O papel da gastronomía no intercambio cultural

  • Data: 16 de xuño de 2026
  • Horario: De 11:00h a 19:00h
  • Lugares de realización: IES Sanxillao  e Museo Provincial de Lugo

Nesta primeira xornada conceptualízase a comida como algo vivo e comunitario que reduce as distancias culturais, activa as memorias compartidas e fomenta o diálogo interxeracional. O programa propón unha viaxe cronolóxica para responder a como foron recibidos os nosos produtos noutras culturas e que elementos adoptamos de fóra en Galicia. O percorrido histórico vai dende as ferramentas do Neolítico empregadas na agricultura, pasando polos períodos castrexo e romano, ata chegar á histórica cerámica de Sargadelos.

  • Presentación da xornada e visita comentada polos fondos do museo A mañá comeza cunha inmersión directa no patrimonio arqueolóxico e artístico do Museo Provincial de Lugo. Da man do prestixioso historiador e catedrático Xavier Castro e do arqueólogo Enrique Alcorta, os asistentes realizarán un percorrido guiado polas pezas e coleccións do museo que están vinculadas á alimentación. Esta visita contextualizará de xeito práctico como evolucionou a nosa forma de comer ao longo da historia e que elementos adoptamos de fóra ou exportamos dende Galicia.
  • Obradoiro e degustación de cociña histórica A actividade trasládase ás instalacións do IES Sanxillao . Os recoñecidos cociñeiros Martín Mantilla e Marcos Arufe guiarán aos participantes nun obradoiro práctico onde se recrearán receitas e preparacións históricas baseadas en produtos cunha fonda raíz no territorio galego. Tralo taller, realizarase unha mesa compartida na que todos os asistentes poderán degustar as elaboracións cociñadas, convertendo a aprendizaxe nunha experiencia convivencial directa.
  • Faladoiro e Mesa Redonda De volta no Museo Provincial de Lugo, a tarde reservarase para o debate, o intercambio de impresións e a reflexión conxunta entre o público e un panel de expertos. Baixo a moderación de Encarna Lago González, abordaranse temas estruturais como o impacto das denominacións de orixe na construción da identidade, as vellas rutas gastronómicas (o Camiño de Santiago, a Ribeira Sacra ou os camiños maragatos) e o contraste entre a cociña antiga e a moderna dende as perspectivas literarias de Rosalía de Castro e Emilia Pardo Bazán.

O panel de relatores convidados inclúe a:

  • Xavier Castro: Historiador e Catedrático de Historia Contemporánea da USC.
  • M.ª del Pilar Rodríguez e Mercedes Vázquez Bartomeu: Autoras de obras esenciais de investigación culinaria como “Historia da docería tradicional” e “Da oliveira á mesa”.
  • Carlos Brea: Representante de AGOAAP (Asociación Galega de Operadoras Artesanais de Alimentación e Pensos).
  • Martín Mantilla: Chef do restaurante Berso (Sober) e firme defensor dunha cociña con alma, raíces e sustentabilidade.

Museoloxía social. O papel da gastronomía na construción da identidade

  • Data: 17 de xuño de 2026
  • Horario: De 11:00h a 19:00h
  • Lugares de realización: Cenima de Foz, IES Foz e Museo Provincial do Mar en San Cibrao

A segunda xornada trasládase á costa lucense para explorar a interculturalidade, moitas veces invisible, que sostén a cociña galega e o seu papel directo na construción da nosa identidade actual. Tendo a histórica vinculación co mar como fío condutor, analizaranse os profundos trazos que deixaron as correntes de inmigración e as viaxes de ida e volta, dando pé a unha fusión de culturas que funciona como linguaxe universal de alto valor identitario.

  • Obradoiro de cociña “Cociñas do vello e do novo mundo” As cociñas do IES de Foz acollerán un obradoiro a catro mans dirixido por Beatriz Alcalá e Marcos Arufe. A sesión práctica centrarase en ingredientes que hoxe sentimos como cen por cen galegos pero que teñen a súa orixe noutras culturas do mundo, como a pataca, a faba, o pemento de Herbón ou o pimentón. Tamén se analizarán as influencias foráneas nas técnicas de cociñar: dende a herdanza romana da salgadura e o escabeche, ata a empanada de raíces árabes, a cocción á feira nacida na transhumancia ou a pegada francesa na vinificación e as conservas.
  • A Degustación das cociñas do vello e do novo mundo Tras o traballo nos fogóns, a actividade loxística e de convivencia trasládase ao espazo do Cenima de Foz. Alí levarase a cabo a degustación colectiva dos pratos de fusión elaborados no obradoiro, permitindo aos participantes apreciar no padal o concepto real de intercambio cultural e histórico.
  • Faladoiros no Museo do Mar O broche final destas xornadas terá lugar no Museo Provincial do Mar, en San Cibrao. Alí abrirase un espazo de debate participativo enfocado en cuestións de actualidade sectorial: o equilibrio entre innovación e tradición, a protección da identidade local fronte á globalización, a gastronomía como vector de patrimonio, o legado doutras culturas e o peso específico do mar na nosa cultura identitaria.

Este último faladoiro estará moderado por Silvia Fiallega Lorenzo e contará coas intervencións de:

  • Miguel Vila Pernas: Xornalista de investigación e destacado divulgador da gastronomía galega.
  • Mar Orosa: Cociñeira e co-propietaria do Restaurante El Oviedo (Ribadeo).
  • Covadonga López de Prado: Directora do Museo Massó (Bueu), experta na historia da conserva e o patrimonio marítimo.
  • Rany Kiyai: Propietaria do Restaurante Warung Indostar (Viveiro), achegando a perspectiva da cociña de Indonesia.
  • María José Ríos: Propietaria de Bombones Moreno (Ribadeo), aportando a visión do sector artesanal do doce.
  • Beatriz Alcalá: Chef, divulgadora gastronómica e propietaria do espazo “A zapatería do avó” (Ourense).

Comparte nas túas redes