A Louza da Real Fábrica de Sargadelos

Acordanza

Temática: Belas Artes

Esta proposta forma parte de: Acordanzas

Este ano rememoramos o 150 aniversario do peche da primeira fábrica de louza moderna de España, fundada por iniciativa empresarial de carácter particular, cuns obxectivos que se baseaban na produtividade e na rendibilidade, ideas contrapostas coas industrias suntuarias do estado, existentes daquela no noso país.

A finais do século XVIII, Antonio Raimundo Ibáñez (Santa Eulalia de Oscos, Asturias 1749-Ribadeo, Lugo 1809) creou un establecemento siderúrxico para a elaboración de ferro dúctil e a realización de potes estilo dos de Burdeos e outro para a fabricación de louza fina, copia da que se viña producindo en Bristol, Inglaterra.

Antonio Raimundo Ibáñez introduciu en España a fabricación de louza fina con cuberta transparente de sales de chumbo, poñendo en práctica unha política de vendas que se baseaba na substitución dun produto que ata ese momento só se podía adquirir por importación por outro que era unha imitación, pero de fabricación propia.

O Museo Provincial de Lugo posúe unha das maiores coleccións públicas de louza de Sargadelos que existe na actualidade, constituída por preto de 400 pezas entre as que destacan: vaixelas de mesa, útiles de fumador, xoguetes, recipientes de uso hixiénico, elementos decorativos e moldes de xeso, entre outras.

Desde o mesmo momento da creación do Museo Provincial de Lugo xa se creou unha sección con louza de Sargadelos. En 1932, o entón director, López Martí propuxo á Comisión enviar unha circular para que entidades e particulares contribuísen doando ou depositando pezas da antiga fábrica de Cervo con destino ao recentemente creado museo. Para iso, no mes de xullo de 1933, aproveitando unha viaxe do capataz da sección de Camiños da Deputación pola costa de Lugo, comisionouse a varios membros da Xunta Reitora para xestionar a recollida de obxectos de dita cerámica.

O día 1 de outubro de 1932 anotouse no Libro de Rexistro do Museo a primeira peza de louza de Sargadelos, doada por Manuel Fernández Márquez, e o 5 de outubro de 1933 o primeiro depósito, efectuado polo Instituto de Segundo Ensino de Lugo. Despois, a colección foise nutrindo con numerosas achegas de particulares e entidades.

Na sala monográfica número 19 do Museo Provincial de Lugo exhíbese unha escolma de pezas representativas das catro etapas da produción da fábrica, a través das cales podemos facer un percorrido polas diferentes formas e decorados das mesmas.

Entre as pezas da primeira etapa (1806-1832), realizadas en louza branca tipo cream Ware, destacamos unha colección de albarelos de diferentes tamaños, procedentes do antigo botamen do Mosteiro de Oseira, en Ourense.

A segunda etapa da fábrica, (1832- 1843) está representada cunha excepcional mostra de pezas caladas en forma de candelabros e centros de mesa de louza moi branca tipo pearl ware, que constitúen unha mostra única entre as coleccións públicas actuais.

Na terceira etapa (1845 e 1862), a máis frutífera, Sargadelos convértese na primeira factoría de España en introducir o estampado mecánico baixo vidrado para decorar as súas pezas de forma seriada.

Na sala 19 do MPL móstranse belos exemplos de pezas estampadas en rosa, azul, marrón, negro e verde con diversos motivos, agrupados en series decorativas das que son máis abundantes as vistas de paisaxes imaxinarias, entre as que destacamos os temas orientais estampados nun azul cobalto difuminado. Tamén a serie de vistas reais, cuxos motivos foron adaptados de gravados de viaxeiros románticos ingleses e franceses que ilustraban publicacións da época, por exemplo as vistas de Cuba e as vaixelas realizadas por encargo con escudos, anagramas ou nomes completos, ademais doutras series con menos representación, pero non por iso menos importantes, como as ilustracións do Quixote, a serie campesiña, as viñetas infantís ou as decoracións veteadas imitando a textura das pedras como o granito ou o mármore.

Así mesmo amósanse exemplos de louzas decoradas a man con pinceis ou esponxas e louzas iluminadas, elaboradas cunha técnica mixta que consistía en encher a pincel por dentro das liñas do estampado co fin de resaltar algúns motivos.

A última etapa (1870-1875) supón o declive definitivo de Sargadelos. Debido aos problemas de liquidez económica, a fábrica non puido facer fronte á competencia interior e exterior derivada da nova política librecambista do Estado e, o que nun principio era unha vantaxe, como a proximidade ás materias primas, nesta última etapa convértese nun gran inconveniente debido ás deficientes comunicacións.

O conxunto fabril de Sargadelos foi declarado conxunto histórico artístico en 1972.

MQF, Departamento de Belas Artes do MPL

Enlaces de interese

Tamén che pode interesar

Comparte nas túas redes