A Rede Museística Provincial de Lugo participa nas IV Xornadas sobre Mediación Cultural en Zaragoza

Este cartel promocional presenta as IV Xornadas sobre Mediación Cultural y Cultura Comunitaria sobre un fondo de cor rosa chicle. Na parte superior esquerda destaca a data do evento, 26 e 27 de febreiro de 2026, mentres que o corpo principal do deseño está ocupado polo título da edición, "Cuidados, memorias y cultura de la paz", escrito nunha tipografía grosa e de estilo xeométrico en cor negra. O conxunto complétase con liñas horizontais negras que organizan visualmente a información, creando unha estética moderna e de gran impacto visual.

A Rede Museística Provincial de Lugo (RMPL) viaxa esta semana ata a Universidade de Zaragoza para formar parte dunha cita imprescindible no ámbito do pensamento contemporáneo: as IV Xornadas sobre Mediación Cultural e Cultura Comunitaria, que baixo o lema “Coidados, memorias e Cultura de Paz” terán lugar os días 26 e 27 de febreiro no Salón de Graos da Facultade de Filosofía e Letras. Este encontro, que nace no seo do proxecto de innovación docente “Laboratorio de Dereitos Culturais e Diversidade Cultural”, desenvólvese este ano de xeito simultáneo co Máster Universitario en Xestión da Arte e o Patrimonio Cultural da Universidade de Santiago de Compostela (USC), reforzando así os vínculos académicos e profesionais entre ambas as institucións.

A xornada do xoves 26 de febreiro, entre as 17:30 e as 18:30 horas, contará coa intervención de Encarna Lago Lage, xerente da RMPL, quen compartirá o relatorio titulado “Experiencias da RMPL: Museoloxía Social, Saúde, Cultura de Paz e Bo Vivir”. A través desta exposición, afondarase na idea do museo como un espazo vivo, un axente activo de coidado, participación e transformación social que vai moito máis alá da simple custodia de obxectos para centrarse nas persoas e no benestar comunitario.

Ao longo de dous días, o programa abordará retos fundamentais para o sector cultural actual, desde as ruralidades e os dereitos culturais ata a xestión do territorio ou o deseño social intergeneracional. A RMPL compartirá espazo de reflexión con profesionais e colectivos de referencia como La Ortiga Colectiva, a Fundación RIA, o Museo da Paz de Gernika ou o Colectivo Noray, entre moitos outros. Trátase, en definitiva, dunha oportunidade única para pensar a cultura desde o común e reivindicar o seu papel como unha ferramenta esencial para a transmisión do coñecemento e a construción dunha sociedade máis xusta e pacífica.

Comparte nas túas redes