A Rede Museística Provincial de Lugo

referente en sustentabilidade e museoloxía social no Encontro de Museos Estatais en Guadalaxara

A xerente da Rede Museística Provincial de Lugo (RMPL), Encarna Lago, participará hoxe 25 e mañá 26 de novembro no Encontro de Museos Estatais que se celebra no Museo de Guadalaxara. O evento, organizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e Belas Artes do Ministerio de Cultura, reúne a directores e responsables de museos de xestión estatal e autonómica para debater sobre os retos de futuro e as liñas de traballo transversais das institucións culturais.

Un modelo de xestión sostible e inclusivo

O Ministerio de Cultura convidou expresamente á RMPL pola súa destacada experiencia no traballo pola sustentabilidade desde os museos. Encarna Lago intervirá nunha sesión específica enfocada na dimensión da sustentabilidade a través de prácticas de colaboración, poñendo o foco non só nas melloras ambientais, senón fundamentalmente na función social dos museos e o desenvolvemento inclusivo.

Baixo o título “RMPL – Compromiso 4D: da gobernanza participativa ao impacto social na comunidade”, a presentación da xerente debullará as claves do modelo da RMPL. A proposta céntrase no concepto dunha “Museoloxía 4D”: social, ambiental, política e economicamente sostible , que busca non separar a museoloxía da vida.

Comparte nas túas redes