A RMPL impulsa a súa proxección externa no mes de xullo

A Rede Museística Provincial de Lugo continúa reforzando a súa proxección externa coa participación da súa xerente, Encarna Lago González, en importantes foros durante este mes de xullo. A súa presenza nestes eventos reflicte o recoñecemento ao labor da Rede en museoloxía social, mediación cultural e dereitos culturais.
O vindeiro 8 de xullo, Encarna Lago asistirá en Madrid á presentación oficial do Plan de Dereitos Culturais 2025-2030 no Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía. Cómpre destacar que a xerente da Rede Museística participou activamente como experta na elaboración deste Plan, contribuíndo no eixe de Educación coa súa valiosa experiencia. Este novo Plan, promovido polo Ministerio de Cultura, establecerá unha folla de ruta para garantir os dereitos culturais de toda a cidadanía, fomentando a inclusión, a diversidade e a participación.
Ademais, o 11 de xullo, Encarna Lago foi convidada á IV Xornada de Arte, Educación, Pensamento e Cultura que se celebrará no Museo de Arte e Historia de Granollers. Organizada no marco da Rede Estatal de Cidades Educadoras (RECE), esta xornada reunirá a destacados representantes de cidades e institucións culturais de referencia a nivel nacional. No encontro, abordarase o papel fundamental da educación e a cultura na construción de comunidades e no desenvolvemento do pensamento crítico e creativo. A participación da Rede Museística de Lugo neste evento subliña o seu recoñecido traballo.
Esta xornada tamén servirá para avanzar na preparación do XVIII Congreso Internacional de Cidades Educadoras, que terá lugar en Granollers do 25 ao 29 de maio de 2026, e no que a Rede Museística foi convidada a colaborar activamente.