A rúa como espello:

unha ollada á alma urbana

Investigación educativa

Vello Cárcere

Dende o 02/10/2025

A Área de Cultura da Deputación de Lugo, a través da Rede Museística Provincial, presenta a exposición “A rúa como espello: unha ollada á alma urbana”. Esta mostra, dedicada á fotografía de rúa en Lugo e na súa provincia, é froito do traballo do Colectivo Ruando, unha comunidade de fotógrafos afeccionados e profesionais que transforman o cotián en arte.

A exposición é unha selección de 40 imaxes contemporáneas que capturan a esencia da vida urbana, buscando o inesperado: un xesto, un contraste visual ou unha escena que fala do noso mundo sen palabras. Cada fotografía é un fragmento de vida, un testemuño que nos invita a mirar con máis atención o que nos rodea.

Ademais de ser unha mostra artística, “A rúa como espello” quere xerar unha reflexión sobre a ética na fotografía de rúa. Para o colectivo, fotografar persoas en espazos públicos implica unha gran responsabilidade. O obxectivo non é invadir, senón visibilizar con empatía e crear un diálogo a través da imaxe.

Este proxecto, que se enmarca no programa de investigación educativa da Rede Museística, é unha oportunidade única para descubrir a alma de Lugo a través dunha nova mirada. A inauguración será o xoves, 2 de outubro, ás 20:00 h, no Vello Cárcere, e a mostra estará aberta ao público ata finais de novembro.

Tamén che pode interesar

Comparte nas túas redes