10 anos da morte de Vázquez Cereijo

Acordanza

Temática: Belas Artes

Esta proposta forma parte de: Acordanzas

José Vázquez Cereijo mostra desde ben novo inquietudes creativas e sensibilidade para as artes. Iníciase no debuxo e a pintura na súa cidade natal, no Círculo das Artes e da man do pintor e restaurador coruñés Ricardo Camino Calvo, e noutras prácticas artísticas, como a escenografía, xunto a Ángel Johán, ou o ballet clásico, como alumno de Pilar Tabernero Busto. Tamén adoita frecuentar os ambientes culturais lucenses e asiste aos faladoiros, como o do Café Méndez Núñez, no que participan entre outros Celestino Fernández de la Vega, Ánxel Fole e o seu tío o poeta Luis Pimentel.

En 1958 comeza estudos de Medicina en Santiago de Compostela e ao ano seguinte trasládase a Madrid para estudar Arquitectura e Cinematografía. Finalmente opta por Aparelladores e acaba asentándose na capital, onde alén de desenvolver unha carreira profesional como arquitecto técnico no Concello chega a formar parte moi significativa da vida cultural madrileña. Como artista, desenvolve unha intensa e diversificada actividade que abarca pintura, escultura, debuxo e gravado. En paralelo mantén unha salientable faceta de poeta.

A partir de 1970 dá a coñecer as súas obras en exposicións individuais e durante décadas participa en importantes colectivas. Cultart, Toisón, Kreisler, Ruiz Castillo, Collage, Altex, Estiarte e Juana Mordó son algunhas das galerías de arte madrileñas que acollen as súas obras. Tamén o fan o Centro Cultural da Vila, o Museo de Arte Española Contemporánea, varias edicións de ARCO… As súas realizacións viaxan a Bos Aires, Utrecht, Ámsterdam, Taipei, Praga, Londres, Lorient, Milán, Nova York… En Galicia poden verse os seus traballos na Casa dá Parra, en Santiago de Compostela, no Museo de Pontevedra, o Municipal de Ourense, a galería Pardo Bazán na Coruña, a Bacelos en Vigo… En Lugo o artista mantén durante anos unha relación especial coa desaparecida Galería Clérigos, un espazo que simbolicamente elixe exhibir obra deste autor tanto para iniciar a súa andaina, en 1995, como para a súa exposición de clausura, en 2016.

A ampla produción de Vázquez Cereijo, na que conflúen arte e poesía, alcanza o recoñecemento do público e a crítica especializada e as súas obras son  seleccionadas en certames e bienais nacionais e internacionais. En 1995 recibe unha Mención de Honra de gravado da Calcografía Nacional e en 1997 concédenlle o Premio Nacional de Gravado do Museo do Gravado Español Contemporáneo de Marbella.

A Vázquez Cereijo débese en gran parte a posta en valor e a difusión da obra de Maruja Mallo en España. En 1979 edita o cartafol de gravados “HOMENAXE A REVISTA DE OCCIDENTE”, un proxecto no que ambos traballan durante moitos meses. O cartafol, do que se editaron 200 exemplares, contén seis litografías correspondentes a outros tantos deseños que realizou a pintora viveirense entre 1933 e 1936 para as cubertas dalgúns números da emblemática revista creada e dirixida por José Ortega e Gasset. As láminas van acompañadas dunha serie de textos escritos pola pintora que fan referencia ao ambiente madrileño dos anos trinta, a García Lorca, Neruda, Miguel Hernández, Alberto Sánchez, Benjamín Palencia. Tamén inclúe unha fotomontaxe que Vázquez Cereijo e Mallo elaboraron conxuntamente e un prólogo escrito por Soledad Ortega Spotorno, filla do filósofo.

Aínda que sempre mantivo relación coa súa cidade natal, que visitaba con frecuencia, en 2013 e acompañado da súa esposa, Anne Nikitik, o artista regresa definitivamente a Lugo, á casa familiar da Praza Maior. E en Lugo é onde falece en 2016.

En setembro de 2023, impulsada pola súa viúva, créase a Fundación VAC-AN con sede no barrio da Milagrosa de Lugo para a conservación e difusión do legado do artista lucense e desde entón promove interesantes iniciativas culturais.

O artista e o Museo Provincial de Lugo

Vázquez Cereijo mantivo unha intensa relación co Museo Provincial de Lugo. En 2011 este centro museístico organízalle unha exposición retrospectiva que repasa tres décadas fundamentais da súa traxectoria artística. Coincidindo con este evento, o propio autor efectuou a doazón de varias obras pictóricas e gráficas que pasaron a formar parte dos fondos permanentes da institución.

En xullo de 2019 e baixo o título Eu sempre soñei ser a miña historia, o museo acolle unha exposición antolóxica de Vázquez Cereijo supervisada pola viúva do artista e co escultor Paco Pestana á fronte como comisario. Unha mostra que non só reúne algunhas das súas obras, senón tamén doutros artistas. Ademais, na exposición figuran obxectos de distintas tipoloxías pertencentes á extensa e heteroxénea colección que o pintor conseguiu formar ao longo de moitos anos, sobre todo cos achados durante as visitas dominicais ao Rastro madrileño, moitas veces acompañado de Juan Manuel Bonet Correa e Andrés Trapiello.

En 2024 na sala de exposicións temporais do museo celébrase a exposición Ronsel. 100 anos despois sobre a emblemática revista lucense dirixida por Evaristo Correa Calderón. Unha mostra promovida pola Fundación VAC-AN na que figuran abundantes materiais pertencentes á colección de Vázquez Cereijo que custodia a fundación.

O Museo Provincial conserva nos seus fondos cinco pinturas ao óleo e 32 gravados de Vázquez Cereijo correspondentes a distintas etapas da súa produción e que na súa maioría son doazón do propio autor. Entre as pinturas está o cadro datado en 1978 Lugo desde a miña casa pertencente á primeira época, unha obra moi luminosa, con cores claras e saturadas e materia empastada aplicada en parte con espátula. Unha interpretación vigorosa e resplandeciente da praza do Concello, a actual Praza Maior, que, como nos indica no propio título, correspóndese coa panorámica que podía contemplar desde a súa casa familiar. As outras catro pinturas reúnen características similares, propias das últimas etapas da súa produción, nas que predominan as tonalidades escuras, o uso fundamental de grises e mesturas de azuis, verdes e amarelos cos que mantén sempre un certo dramatismo, e conteñen elementos simbólicos que nos remiten a evocacións e obxectos relacionados con vivencias que permanecen na memoria do pintor.

En canto á obra gráfica, está por unha banda unha colección de 31 gravados que van da abstracción á figuración, das xeometrías ás liñas orgánicas e reproducen diferentes motivos, moitos deles recorrentes na obra de Vázquez Cereijo, como as escaleiras, as rodas e bicicletas, que en conxunto reflicten moi ben o seu mundo creativo. Doutra banda está a litografía Retrato de Luis Pimentel, unha interesante interpretación xestual do rostro do poeta lucense realizada con soltura, no ámbito da caricatura, que capta con acerto os trazos esenciais do representado. Unha obra asinada e dedicada polo autor que chegou ao museo en 1980 como doazón de Javier Rosón Pérez, que tamén foi quen doou o exemplar do cartafol de “HOMENAXE A REVISTA DE OCCIDENTE” que conserva a institución.

LY/ Departamento Belas Artes

Comparte nas túas redes